Aqueles buque-correo de Cornualles á Coruña, artigo de Xosé María Lema Suárez


(Museo Nacional Marítimo de Cornualles, en Falmouth, a foto é da nosa autoría)
Nesta bitácora xa lle adicamos cinco entradas á nosa viaxe a Cornualles en agosto: “De viaxe a Cornualles. Deica a volta”, “Entrega dun faro córnico”, “De Lands End (Cornualles) a Fisterra”, “A identidade nacional córnica” e “Crónica da viaxe a Cornualles por Manuel Vilar”. Desta volta, reproducimos o magnífico artigo sobre os buques-correo que mantiveron unha liña entre Cornualles e A Coruña, que Xosé María Lema Suárez, o noso presidente do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), publicou na prensa comarcal.
Aqueles buque-correo de Cornualles á Coruña
Na procura do megalitismo e das fisterras atlánticas, no pasado mes de agosto estivemos en Cornualles (Reino Unido) co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Máis preto da punta máis meridional da illa de Gran Bretaña, o Lizard Point, que da occidental (cabo Lands End, a de máis sona) atópase a baía e o porto de Falmouth, de grande interese para os galegos, por mor da estreita relación que tivera co da Coruña en séculos pasados, especialmente de 1689 a 1762, a primeira época dos chamados Falmouth Packets ou Corunna Boats, buques-correo que transportaban a correspondencia mutua entre Gran Bretaña e España, e tamén co norte de Portugal.
O historiador coruñés recentemente falecido Antonio Meijide Pardo fora quen máis e mellor investigara desde Galicia esta relación postal marítima entre os dous portos. Na propia cidade córnica adquirimos o libro The Falmouth Packets 1689-1851 (2003), de Tony Pawlyn, onde se cita varias veces A Coruña. Aqueles paquebotes levaban todo tipo de correspondencia particular e oficial -mesmo documentos de alto segredo-, e ían armados de seis canóns e armas de fogo para se enfrontaren aos piratas. Ademais, eran moi rápidos, pois habitualmente facían a travesía entre Galicia e Cornualles, de 150 leguas mariñas (uns 850 quilómetros) en tres ou catro días de navegación, cando os demais dos barcos da época precisaban cinco, seis e, ás veces, nove ou dez.
Cando en xaneiro de 1762, polos pactos de familia que os Borbóns españois tiñan cos franceses, Carlos III lle declare a guerra a Gran Bretaña e entre na Guerra dos Sete Anos, o servizo quedará ferido de morte, pois non se dará recuperado cando se asine a paz ao ano seguinte. Perderase o tráfico marítimo entre os dous portos durante máis de vinte anos polo afán recadador da Facenda Real española, que considerou máis proveitoso para as súas arcas que o correo británico viñese a través de Francia para a Península, pois así podían cobrar unhas elevadas taxas.
Anos máis tarde, en 1778, A Coruña verase substituída por Santander na relación postal con Falmouth. En 1783 intentouse restablecer a ruta coruñesa, pero opúxose o embaixador español en Londres, que prefería o correo a Madrid polo porto cántabro. En 1793 recuperouse por fin o servizo entre o porto córnico e o galego, pero xa se vería interrompido polas frecuentes guerras entre españois e británicos dos anos seguintes. Finalmente, en 1808, a invasión napoleónica en España propiciou a derradeira etapa dos buques-correo A Coruña-Falmouth, pero en 1815 desaparecerían para sempre. Os comerciantes coruñeses ben que botarían en falta o Corunna mail, tendo en conta que Falmouth foi ata 1851 o porto-base do Post Office Pachet Service de Gran Bretaña con todo o seu extenso Imperio.
En xaneiro de 2012 cumpriranse 250 anos do remate da primeira etapa, a máis próspera, dos paquebotes a Falmouth. As autoridades locais coruñesas deberan loitar por recuperaren os lazos coa cidade da fisterra córnica e británica, xa cun irmandamento simbólico ou con algo máis práctico: estudando a viabilidade dun ferry que nos facilitase a comunicación marítima co suroeste de Gran Bretaña a galegos e portugueses. No Museo Nacional Marítimo de Cornualles de Falmouth hai unha vitrina dedicada aos buques-correo, e nela está moi presente o nostálxico recordo das relacións coa Corunna, ou (The) Groyne, como daquela tamén era coñecida a cidade polos navegantes ingleses.

Esta entrada foi publicada en Historia, Roteiros. Garda a ligazón permanente.