Apuntamento sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez


Outra das lecturas destes días foiche Cita en Fisterra (Xerais, 2011) do muradán Luís Rei Núñez, autor ao que sempre sigo con interese, tanto a súa obra poética coma a súa narrativa, entre os que salientarei tres libros fundamentais, Expediente Artieda, O señor Lugrís e a negra sombra e a monumental Monte Louro. Desta volta, malia estar incluída na colección Xerais Narrativa, a súa nova proposta non é unha novela e está máis próxima do caderno de viaxes ou de impresións sobre un territorio e a poboación que o habita. A lectura faise áxil e camiñamos onda o autor entre o lirismo e a mestura de sabedoría popular e erudición. Salientarei como mostra apenas dous fragmentos, velaquí o primeiro (páxinas 63 a 65) no que narra un encontro co poeta e amigo Alexandre Nerium, antes de visitar a lonxa fisterrá de Covadonga Carrasco e Xoán Creus e o polémico cemiterio de César Portela na fin do mundo.
«Estamos en Fisterra. Seica os viaxeiros do Norte, descoñecedores do latín, a chamaban Finster Stern: Escura Estrela. O amigo é o mariñeiro Francisco Manuel López Martínez, para a poesía Alexandre Nerium: o nome pola casa, os Alexandres fisterráns, e o apelido pola tribo castrexa que atoparon os romanos no Promontorium, os Nerium.
Nado en 1960, este Nerium empezou a ir ó mar de neniño, durante as vacacións escolares, ocupando praza de marmitón na motora familiar (de oito metros de eslora e bautizada como Beluca, hipocorístico dun nome moi da estirpe, Isabel). Nerium viviu unha adolescencia de bolseiro nos internados das universidades laborais de Cheste, onde cursou EXB entre outros 5.300 alumnos; A Coruña, onde fixo o BUP e o COU; e Xixón, onde iniciou a carreira de Empresariais (e dise “iniciou” porque aquilo non pasou dunha intentona á que seguiría outra, na alma máter compostelá e antes de casar, cunha filla en camiño).
Daquela convértese en mariñeiro do Beluca con todas as da lei. Así, durante unha boa porción de campañas traballa as artes de temporada. Isto é; no outono, as caceas de nasas para camarón e nécora e polbo; no inverno, os miños, unha rede fixa e de cor branca que se larga en baixos limpos, de area, e captura peixes planos; e na primavera e verán, o trasmallo, tamén fixo pero castaño, para fondos de pedra e moito argazo, onde colle pinto e maragota e robaliza; nesas estacións apracibles tamén se empregaban o xeito, as betas e o palangre, ou pincho.
Durou isto mentres a familia non vendeu o Beluca. A partir de aí, e durante outros quince anos, ía traballar como submarinista en apnea. Dedicado en exclusiva ó longueirón, esta clase de pesca, a pulmón, sufría moitos paróns durante o inverno e ese foi o tempo en que recuperou a poesía en serio. Daquilo sairían dous poemarios: Nocturnidade do sal e Vogar de couse. Son libros con palabras dos que non teñen libros, e reúnen poemas dos que el sabe de memoria cada verso, con cada sílaba, porque para algo someteu a escrita ás regras da rima e da métrica. Foron, ademais, a súa carta de presentación como custodio do fecundísimo léxico mariñeiro. E ben deitaron diso os membros da Real Academia Galega verdadeiramente interesados na ourivería da fala (o que exclúe a eses que nunca terán sete vogais, nin o son fricativo palatal, nin o nasal velar).
Reza, por exemplo, un dos quintetos encadeados que compoñen o Vogar de couse:
A nosa estirpe, vós, homes do mar que vindes
co peso dos barxáns por capear ó lonxe,
fartos de atalingar mouréns, de achicar dores,
de volver debagar canta avidez subsiste
enriba dos cuarteis dos temporais inortes.
-Non tes medo de que tanta facundia léxica poida facer os poemas demasiado herméticos? -obxecto, facéndome eco de pexas que terá escoitado ben veces. Pero a Nerium non lle torcen o pulso:
-Pode ser -recoñece-. Pero en síntoo coma unha misión, a miña misión na poesía.
Desa misión por veces culterana saen versos tan manuelantonianos coma este: “Levamos o crepúsculo tatuado nas cadernas.” E diso saíulle, estaba predestinado, o posto de capitán do Batallón Literario da Costa da Morte. Foi durante o treito final da vida do colectivo, entre maio do 96 e finais do 97 (e tamén no seu canto do cisne, cando aquel derradeiro recital de 1999 na galería Sargadelos de Santiago de Compostela).
Desde entón a hoxe foi diagnosticado como hipotenso e viuse na obriga de deixar o submarinismo. Iso conduciuno ó seu traballo actual como guía do museíño do mar, e das artes de pesca, que o pósito fisterrán montou na Casa da Guerra. Amósamo con fachenda, é certo, pero tamén agradece o cacho en que se vai dedicar a pasear comigo polo peirao e mais por unha lonxa de construción relativamente recente».

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Apuntamento sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez

  1. Pingback: «Cita en Fisterra»: lirismo, erudición e sabedoría popular. Anotación de Miro Villar sobre o libro de Luís Rei Núñez | Xerais

Os comentarios están pechados.