Antón Zapata García, o poeta de Laxe (II)


A obra do poeta de Laxe tamén inspirou o artigo “Saudade e emigración na poesía de Antón Zapata García“, que foi publicado no vol. II, 2009, mais aparecido con retraso en 2010, en Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións (pp. 167-190) que editan o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela. O artigo percorre as liñas temáticas da saudade e da emigración na obra poética de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), alén de ofrecer unha breve biobibliografía, con especial relevo da súa intensa actividade social e cultural dentro da colectividade galega na Arxentina. Nos versos salienta o seu autobiografismo, xa que en moitos dos textos o eu poético é un trasunto do propio poeta que expresa as súas vivencias persoais. Malia a heteroxeneidade e a ausencia de unidades temáticas, existe unha trabe simbólica que alicerza a estrutura do libro A Roseira da Soidade e que xa se intúe desde o propio encabezamento, no que se simboliza a perda. Pódese ler tamén en poesiagalega.org, aquí.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.