Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República

Zapatabio
Na conmemoración dun novo aniversario da proclamación o día 14 de de abril de 1931 da II República española é interesante lembrar a contribución á súa defensa de moitos galeguistas e mesmo arredistas galegos antes e despois de se producir o golpe fascista de 1936.
Entre eles estiveron os dous poetas emigrados á Arxentina que estudei, o muxián Xervasio Paz Lestón e o laxense Antón Zapata García, como xa se dixo na anterior anotación. Este último tivo un compromiso moi activo coa causa republicana como tratei de demostrar no volume intitulado Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009), que se presentou o12 de agosto do 2009 na Feira do Libro de Cee, coa presenza do amigo e catedrático de Filoloxía Galega Xosé María Dobarro Paz.
Na contracapa do libro vai este texto do historiador Xesús Torres Regueiro:
A vida de Zapata entre a colonia galega non debeu ser fácil. Nacionalista galego e independentista, antifranquista e aliadófilo, a sua rexa personalidade tivo de aturar moitos sensabores e inxurias. “Poeta das sans rebeldías”, chamoulle o estudoso Alberto Vilanova na biografia que lle dedicou na sua voluminosa obra Los gallegos en la Argentina. E de corazón e espírito rebelde foi Zapata, loitador desde ben mozo da causa da liberdade. Liberdade da súa patria asoballada para a que arelou días máis ventureiros traballando a prol da sua cultura, como socio protector do Seminário de Estudos Galegos, e da sua conciencia nacional na Agrupazón Nazonalista Pondal, formada nos anos vinte polos mozos emigrantes galegos que albiscaban unha Galiza independente e dona de si. E liberdade da humanidade aferrollada pola ameaza do nazismo e do fascismo, que o levou a cantar un Hino a Stalingrado e dedicar un poema á destrución de Gernika.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.