
Xosé Lois García. 80 anos de Cultura e vida (Asociación Cultural Xermolos: 2025) é o título dun volume colectivo con 580 páxinas de homenaxe ao polígrafo chantadino. Malia que o seu lanzamento público foi na véspera do 8 de setembro de 2025, como se sinala no colofón, a obra chegou ás nosas mans hai poucos días. Nas súas páxinas, entre a vasta nómina de autoras e autores, vai un texto da miña autoría intitulado «Anoando Cabos do Mundo (Soneto de abril para o poeta Xosé Lois García)». Escollín a forma estrófica do soneto porque Xosé Lois García tamén os perpetrou de moita calidade na súa poesía.
Velaquí os meus versos que no libro aparecen acompañados dunha imaxe, sen autoría citada, do río Miño rodeando o Cabo do Mundo en Nogueira de Miño (Chantada).
Anoando Cabos do Mundo
(Soneto de abril para o poeta Xosé Lois García)
Dende o Cabo do Mundo na atlántica Fisterra
escribo nos salseiros este afecto distante,
coma abrazos perdidos dun vapor emigrante
e a saudade nas cartas que envías doutra terra.
Deica o Cabo do Mundo na alta Sacra Ribeira
van cálidas palabras como Arte de Paxaros,
coma as intermitentes luces dos nosos faros
a unir o noso arao e a vosa aguia cobreira.
Aves versos que prenden fachos dunha estadea,
de almas do cemiterio de Portela caladas,
de almas do camposanto de Belesar profundo.
Aves versos que falan con voces dunha aldea,
de Merlán devanceiras, nobres, inmaculadas,
que arreo compuxeron o teu lugar no mundo.