«Algúns oficios dos poetas galegos», fragmento dun artigo de Xesús González Gómez en Biosbardia

AvilésdeTaramancos01
(Fotografía do poeta Antón Avilés de Taramancos na súa taberna de Noia en plena tertulia)
O crítico e escritor Xesús González Gómez escribe para a revista dixital Biosbardia. O país dos libros en galego un espléndido artigo intitulado «Da literatura non se come? Os oficios dos escritores» (que se pode ler completo premendo na ligazón do título). Sinala XGG que escribiu o texto ao fío da lectura, catro anos despois da súa publicación, do curioso libro: Trabajos forzados. Los otros oficios de los escritores, de Daria Galateria (Madrid, Editorial Impedimenta, 2011). Porén, o seu comentario vai moito máis aló e convértese nun relatorio sobre a dialéctica entre a profesionalidade da escrita e o feito de poder vivir da literatura.
Recomendamos vivamente a lectura do texto completo, mais deseguida reproducimos o último epígrafe do mesmo que se centra nos oficios dos poetas galegos até a década dos oitenta. Velaquí:
Algúns oficios dos poetas galegos

En 1987, no número 95 de Grial, publiquei un pequeno traballo sobre os oficios dos poetas galegos. Vexamos algunhas curiosidades.

De 1900 a 1936 tirabamos vinte e dous poetas –mediante a Escolma de Fernández del Riego. Os oficios deste 22 poetas eran os seguintes: sete profesores e/ou mestres; dous cregos; tres xornalistas; dous funcionarios públicos; un empregado de banca; un maxistrado; un avogado; un mariñeiro; un músico e un “escritor profesional”, que tamén fora profesor ocasionalmente (Blanco-Amor).

Un segundo grupo ía de 1936 a 1975, e estaba composto por 38 poetas –neste grupo introduciamos a Pimentel, aínda que poeticamente debería pertencer ao grupo anterior–, mais neste grupo incluíanse moitos que empezaron a escribir durante a República mais consolidaron a súa obra nos anos 1950 ou máis tarde. Neste grupo contei un total de 38 poetas: once profesores e/ou mestres; cinco funcionarios públicos –locais ou estatais–; tres xornalistas; tres procuradores e/ou avogados; dous oficinistas; un médico; un pintor profesional (Seoane); un empregado de banca; dous cregos; un comerciante; un realizador de cine e TV.; un taberneiro; unha ama de casa (por ter deixado o seu emprego ao casar), un empregado de libraría, un farmacéutico, dous que vivían das súas rendas e outras nimiedades e un escritor profesional en español –Lorenzo Varela.

Un terceiro grupo ía de 1975 a 1987 e estaba composto por 40 poetas. Destes 40 poetas vinte e un eran profesores, mestres ou catedráticos; tres xornalistas; tres avogados e/ou procuradores; dous estudantes; dous funcionarios; dos nove restantes, de catro non demos coa súa profesión, e os outros cinco exercían profesións diferentes: crego, empregado de libraría, de banca, administrativo e mesmo naquel momento un policía municipal, etc.

Hoxe, acho, o número de profesores ou profesionais do ensino, así como o de xornalistas –o número deste últimos se mantiña estábel ou mesmo perdera porcentaxe na última “mostra”– debeu medrar en porcentaxe. O que si está claro, porén, é que a porcentaxe de cregos baixou de forma alarmante, para os practicantes da relixión.

Observemos, no entanto, que esta tendencia –cada vez maior números de “profesores” e/ou ensinantes– repítese en todas, ou case todas, as literaturas europeas e con maior forza aínda naquelas literaturas que non están normalizadas, é dicir, non teñen detrás un Estado, e non só no que respecta aos poetas, senón tamén aos novelistas e mesmo os autores teatrais.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.