(Foto do museo de Vilarinho de Castanheira, en Carrazeda de Ansiaes)
Adoito visitamos as terras de Portugal, por esta razón acollemos nesta bitácora un novo e interesante artigo do antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez, que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital Quepasanacosta, desta volta co título «Algunhas novas de Portugal». Deseguida achegamos o seu texto, do que se pode ler o orixinal nesta ligazón, onde vai acompañado da fotografía que tamén reproducimos nesta anotación.
No 1984 o grupo vigués Siniestro Total sacou un álbum titulado Menos mal que nos queda Portugal. Estaban levando unha expresión popular a icona punk. Hoxe non se escoita moito ao Antón Reixa, ou non o escoito eu, mais seguimos dicindo “menos mal que nos queda Portugal”. Agora tamén nalgunha prensa española, aquela menos oficial, cando tratan temas como a saída da crise económica ou o ensino e ven que os portugueses fixérono mellor, que medra o turismo e repiten por segundo ano consecutivo como “mellor destino turístico do mundo” e até gañaron o festival de Eurovisión sen pasar pola operación triunfo.
Mais aquí quero traer algunhas noticias de Portugal para ver si podemos nós facer as cousas algo mellor.
Aumentan as visitas aos faros
Hai uns meses e sentado nun café no interior do país irmán, ollo un xornal calquera, e os meus ollos van cara a un titular que di: “Visitas aos farois aumentaron 15%”. E sigo lendo. O faro da Punta do Pargo, na Madeira, é o máis visitado. Claro, penso, Madeira é un destino turístico. Pero tamén aumentaron as visitas ao da barra de Aveiro que, nesa data andaba polas dez mil visitas, e era o máis visitado do continente.
Portugal ten 28 faros que poden ser visitados. No 2016 tiveron algo menos de quince mil visitas; no 2017 as visitas foron de 73.892 e neste 2018 que acaba de irse, aínda sen datos oficiais, as cifras aumentaran a mediados de ano.
“É uma forma de conhecer o trabalho dos faroleiros”, di un destes guías, que son os propios torreiros ou técnicos de sinais marítimos, como agora son chamados entre nós, un nome máis técnico, pero menos atraínte. “O faroleiro não se cansa de repetir a história”.
Traio aquí esta nova porque na Costa da Morte estou canso de escoitar que temos moitos recursos turísticos, entre eles os faros. Mais, que pasa que non somos capaces de telos abertos ao público? Que non somos capaces de facer uso dese patrimonio? Vilán é a excepción, tamén porque non foi baleirado de obxectos.
Penso que é unha cuestión de vontade política que debe empezar, no noso caso, por un cambio de política na Autoridade Portuaria da Coruña e mirar como se pode compaxinar o seu funcionamento como sinais marítimos e poder seren visitados.
O pintor cántabro Alejandro Sanz percorreu toda a costa, a mediados da década de 1970, para pintar todos os faros, tamén os da Costa da Morte. Contaba que en moitos sitios nin se podía achegar, eran zonas militarizadas e unha persoa cun caderno na man e unha cámara fotográfica era un perigo. Avanzamos nese aspecto, pero dicimos que se a cidadanía non ten acceso a eses bens, estes non son patrimonio cultural.
Recuperar as camariñas, polo sabor e por saúde
Outra nova ten que ver coas camariñas, si, co arbusto, e que lin en novembro pasado, uns días antes de que en Camariñas celebrasen a homenaxe ao Serpent. A nova fala dun grupo de investigación da Universidade de Coimbra que está a investigar sobre esta planta. Queren rescatalas “pelo sabor e para bem da nossa saúde”. Seica teñen propiedades antioxidantes e os primeiros test mostraron que poden axudar a deter o avanzo do cancro. Pero queren ir máis alá e “potenciar a camarinha como alimento saudável e nutritivo”.
As responsables do proxecto de investigación pretenden implicar ao alumnado da escola de hostalería para que se animen a desenvolver novos produtos gastronómicos con base nas camariñas. Para isto, lembran, que as bagas da camariña se vendían nas praias da costa central portuguesa para comer frescas, que na zona de costa eran moi usadas na sobremesa, en refrescos ou compota. Mais na reportaxe dise que “As camarinhas já quase só subsistem na memória dos mais velhos, há muito que deixaram de ser colhidas e estar à venda”. Están en vías de extinción.
A camariña é unha especie salvaxe que medra nos sistemas de dunas e só se dá na costa atlántica da península Ibérica, ou como se di na reportaxe: “ou seja, apenas em Portugal e na Galiza”. Ou sexa, que temos un patrimonio en extinción, porque non é só a planta, é o que está na súa volta, a xente, a memoria.
Lembro visitar o areal de Trece despois da primeira homenaxe aos náufragos do Serpent e ver as camariñas arrincadas e arrombadas porque se achandara o espazo na volta do Cemiterio dos Ingleses.
Agora non podo máis que estrañar unhas declaracións, lidas nun xornal recentemente, ao respecto por alguén que tivo responsabilidades nesa obra: “Hoxe viría Costas dicirche que é deles, o Seprona que lle fas dano a non sei que planta… En fin”.
A camariña pode ser o mellor patrimonio de Camariñas. De feito, xa está no seu nome. A camariña non é só a herba da fame.
Museos pechados e “esfolados”
A terceira nova ten que ver cos museos. Mentres as noticias na Costa da Morte falan do “esfolado” Museo Seo de Corcubión, veño de visitar no Alto Douro, e noutras zonas, unha serie de pequenos museos. Non falo de grades cidades ou cidades medianas. Agás Peso da Régua, que non chega aos 10.000 habitantes e está dentro das rutas turísticas que te levan Douro arriba, os demais son aldeas que teñen os problemas que temos aquí: despoboamento, avellentamento e desagrarización. Peso da Régua ten un museo, o Museu do Douro, pero non era neste onde me quería deter, senón noutros que están en localidades ben pequenas, como Favaios ou Carrazeda de Ansiães. Este concello, interior, rural e montesío, tiña 1701 habitantes en 2011, hoxe seguro que ten menos. Aquí os museos están abertos, son dignos de seren visitados, teñen persoal especializado que os atenden e xestionan para non quedar fosilizados.
Carrazeda de Ansiães ten unha rede de cinco pequenos museos baixo o rótulo colectivo de Museu da Memória Rural espallados por diversas aldeas. Chegaron a eles, como aquí, grazas as axudas da UE, mais mantéñenos abertos porque, como lemos nun folleto, son un instrumento de desenvolvemento sociocultural e son asumidos como un “proceso”, non como unha urxencia para aproveitar unha subvención, inaugurar, saír na foto e despois nada. Claro que se aproveitou a subvención, e ben.
Consideran que o interior do país, pese á vaga de lumes, é un produto turístico valioso e vai ser o luxo deste século XXI. O responsable do turismo da zona comenta que “ o sector tem sido decisivo para travar o avanço da desertificação, atraindo visitantes, mão-de-obra qualificada e moradores a territórios de baixa densidade, que enfrentam problemas difíceis relacionados com o envelhecimento das populações”. Un novo concepto do rural.
Exemplos para ver, gozar e, tamén, aprender. E poderíamos falar doutros sitios, de Melgaço, onde un lugar como Castro Laboreiro non só ten o seu museo, senón que na igrexa matriz converteron unha nave lateral nunha pequena colección visitable de arte sacro, é dicir, as imaxes que retiraron do culto e obxectos litúrxicos que non son usados, foron musealizados e non arrombados nun faiado.