«Alegría», poema para unha voda



(Fotografías fornecidas por @m_singala)
Hai uns días o amigo escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, envioume as dúas imaxes que preludian esta anotación. Trátase do testemuño gráfico, de pouca calidade mais iso non é de interese, de que os versos do meu soneto «Alegría», do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), presidían unha das mesas no convivio posterior a unha voda.
Non é a primeira vez que sucede algo semellante, pois outros sonetos da miña autoría e dese mesmo libro foron lidos na cerimonia de unión civil doutros «casais», feito que nunca deixa de me abraiar.
Singala non me dixo o nome das persoas que decidiron casar nestes tempos (retranca) e tampouco importa, mais reciban os parabéns que fago extensivos ao autor ou autora da idea de que cada mesa estivese presidida polos versos dun ou dunha poeta e sempre na nosa lingua.
E que a alegría da que falaba naquel soneto e agora presente nos esponsais encha as casas da parella e dos seus convidados. Velaí o texto, que leva una citación previa de Pedro Salinas, do poema «Qué alegría, vivir, sintiéndose vivido», do libro La voz a ti debida (1933):
ALEGRÍA
Qué alegría, vivir, sintiéndose vivido.
PEDRO SALINAS
Que alegría, saberte comigo debruzada,
nunha mañá de nubes dun outono calquera
ou no sol temesiño desoutra primavera,
para acollermos xuntos a luz abrancazada.
Que alegría, mirarte nun sorriso abrazada
no tempo impredicible de invernía e de espera
ou na inoportunidade da calor máis severa
para albiscar entrambos o brinde da luzada.
Que alegría, notar o rebento que nace
dentro, como se fose medrándome no oído
unha música morna que non dá interrompido.
Que alegría, dicir ben alto que me aprace
ser amado e amarte co corazón espido.
Que alegría, vivir sentíndose vivido.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.