«Adianto, case anónimo», lembranza de Ramiro Isla Couto (1896-1987), por Luís González Tosar


(Premer na imaxe para unha lectura máis doada)
O poeta e presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, publica de xeito quincenal unha sección intitulada «Retrato en sepia» no suplemento Culturas de La Voz de Galicia. O pasado sábado, 15 de decembro, o seu artigo, intitulado «Adianto, case anónimo», facía lembranza de Ramiro Isla Couto (1896-1987), un dos asinantes do manifesto fundacional dos «céltigos», grupo galeguista nucleado arredor da revista Céltiga na emigración galega na Arxentina.
No primeiro parágrafo fai mención a este blogue:
«Pola bitácora de Miro Villar, As crebas, sei que Eduardo Blanco-Amor lle dedicou en 1928, en Céltiga, un poema a Antón Zapata García, Toda humilde beleza, e que logo por desavinzas, retiroulle a dedicatoria e a categoría de «gran poeta». Seguindo o mesmo fío, atopo o manifesto fundacional dos céltigos, no que dou con don Ramiro Isla Couto» (…)
E velaquí a anotación á que fai referencia Tosar, a quen lle agradecemos a mención. Nela fálase dese episodio acontecido en 1928, cando Eduardo Blanco-Amor vai testemuñar o seu afecto polo autor de Laxe, posteriormente arrefriado, publicando a primeira versión do poema “Toda humilde beleza” na revista Céltiga (nº 80, Bos Aires, domingo, 25 de abril de 1928), coas seguintes palabras: «Para Antón Zapata García, gran poeta».

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Manifestos, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.