Adeus ao mestre Seamus Heaney



(A nova do pasamento encheu as portadas dos principais xornais irlandeses)
Sentín unha mágoa profunda coa morte do poeta irlandés Seamus Heaney (Derry, 1939- Dublín, 2013), que moitos escriben norirlandés, malia o autor reivindicarse republicano irlandés, e cuxa escrita está dende hai anos entre as miñas lecturas. Da súa inmensa obra tan só coñezo os poemarios Death of a Naturalist (Muerte de un Naturalista, na versión de Margarita Ardanaz para Ediciones Hiperión que lin); North (Norte, tamén na versión de Margarita Ardanaz para Ediciones Hiperión); Field Work (Traballo de campo) e Human Chain (Cadena Humana na versión de Pura López Colomé para Visor).
Chegou a min, coma outras lecturas dese ámbito literario, através das mans amigas do antropólogo Manuel Vilar Álvarez, na súa estadía emigrante en London, na que conectou coas realidades nacionais de Irlanda, Escocia, Gales ou Cornualla.
Xa en 1996, cando facía eu parte do Consello Editorial da desaparecida (agora en triste liquidación) colección de poesía Ablativo Absoluto (Xerais), que chegou aos 25 títulos, o devandito consello que dirixía o escritor Fran Alonso e que na altura formaban canda min as profesoras e críticas Iris Cochón e Helena González Fernández e os escritores Xabier Cordal e Antón Lopo -Antón Rodríguez López-, decidimos inaugurar a colección, despois dun número cero co Palimpsesto de Agostiño Lomba, con Traballo de campo, de Seamus Heaney, con introdución e tradución do poeta Vicente Araguas.
Velaquí a acordanza desta versión que fai o editor Manuel Bragado nas súas «Notas do traballo de edición» do seu imprescindible blogue Brétemas:
«Aquela primeira tradución de Vicente Araguas e dous anos despois a que Manuel Outeiriño fixo d’ A cura en Troia, a versión teatral do irlandés do Filoctetes de Sofocles, abriron a xanela para a galeguización de Heaney e a súa investidura en xuño de 2000, auspiciada polo profesor Antonio de Toro, como Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Seamus incorporouse así ao corpus da literatura galega e a manter contacto con Galicia, país ao que consideraba o inicio da terra».
Pola miña banda, recollo tamén ligazóns algunhas das primeiras e máis interesantes novas sobre o seu pasamento (premer nos títulos).
E que a Terra che sexa leve, meu mestre das palabras!!!
Belfast Telegraph
Independent
The Irish News
The Irish Times
ou o británico The Guardian

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Política, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.