Adeus ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo

Augas do Lea, arrolo do meu berce
que ao Miño da nacencia ides,
levade as brancas palabras
de fariña triga,
as que a mai bordou en min
co fío de ouro desta Lingua.
E ti, amada miña,
tráeme aquí no día derradeiro
e déitame neste chao.
Serei unha cerdeira.

Xabier P. DoCampo

Fago meu o comunicado de pesar emitido pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da que fago parte, in memoriam do escritor e mestre Xabier P. Docampo. Que a Terra che sexa leve, camarada da palabra!

A AELG lamenta a perda do seu Socio de Honra, Xabier P. DoCampo

26/6/2018

…o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.

Xabier P. DoCampoSocio de Honra da AELG, autor referente dunha obra narrativa de ficción que supera a trintena de títulos publicados, fortemente imbricada na tradición contística galega, inauguradora da literatura infanto-xuvenil contemporánea que abriu as portas, desde a casa e a escola, á formación do público lector máis novo, alicerce e semente do imprescindíbel substrato cultural de hoxe, e recoñecida cos máis importantes premios a nivel nacional e internacional.

O seu traballo, que se estende aos ámbitos da dirección, guionización ou escrita de obras para teatro, radio, vídeo, cine… transportou a nosa lingua creativa a toda a rede de espazos comunicativos.

Aprendemos nos seus libros a nomear os soños, a natureza e os seres que a habitan. Máis tamén foi  transmisor de valores humanos fundadores que dende a noite da historia conformaron o ser galego, deitando no longo camiño da súa extensa e intensa obra alfaias de rebordante humanidade.

Sementador de normalidade cultural e social até a súa última intervención pública na Gala do Libro Galego 2018, co seu fértil labor de ensinante e de escritor sostivo as trabes da casa comunal dos galegos e galegas, co talento e o oficio dos humildes e unha insubornábel honestidade literaria.

Na Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” que a AELG tributou a DoCampo en 2014, estableceuse un diálogo fraterno entre Agustín Fernández Paz, quen elaborou a laudatio, e esta resposta de Xabier P. DoCampo, diálogo que nos permite coñecer un anaco fulcral da nosa historia literaria e a dimensión humana de quen hoxe, 26 de xuño de 2018, nos deixou.

(Manuscrito da súa última novela A nena do abrigo de astracán, tirado da bitácora Caderno da crítica de Ramón Nicolás)

Esta entrada foi publicada en Obituarios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta