(Manuel Domínguez, primeiro corredor nun vídeo promocional da Mesa pola Normalización Lingüística)
Finou nas últimas horas o cambadés Manuel Domínguez Rial (1946-2019), compañeiro en numerosas mobilizacións culturais, sindicais ou políticas, nomeadamente nas rúas compostelás pois Manolo era un histórico militante nacionalista, primeiro no BNG da emigración (xa desde os tempos da vella AN-PG) e nos últimos anos no BNG de Santiago.
Coñecín a Manolo Domínguez pois hai ben tempo, da man do meu irmán Rafa Vilar, e da súa intensa actividade no movemento asociativo quixera salientar que era membro fundador da Asociación de Emigrantes Retornados «Marusía» e coordinador da súa revista, que con ese nome Marusía chegou a publicar cinco números entre os anos 2006 e 2010, todos eles de libre acceso nesta ligazón.
Na súa lembranza e como sentida homenaxe na súa despedida recupero aquí o poema «Porto da Coruña, ano mil novecentos e pouco» de Rafa Vilar, que se publicou en Marusía nº 1 (2006) e o artigo da miña autoría «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (1898-1977)» que viu a luz en Marusía nº 2 (2007), que foran unha petición persoal de colaboración do propio Manolo Domínguez.
Que a Terra Nosa che sexa leve, compañeiro!
Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos
eu quería que meu bisavó fose pirata barbazul
pero el sobe a aquel barco, cos seus primeiros zapatos de 18 anos,
sen máis terra que a das súas unllas labregas
América era o seu horizonte de escuma
e meu bisavó di un adeus sen apenas dirección
con bágoas sequísimas e un silencio gris
até chegar á Arxentina
meu bisavó nunca me falou de Bos Aires
eu quería que meu bisavó cantase polas avenidas
tangos saudosos
na lembranza dun país que se cadra era un destino,
ou un amor,
pero meu bisavó só coñeceu
a cidade raulgonzaleztuñón e tabernaria
un porto que era unha illa esquecida
e homes tatuados
nas sombras nocturnas dos arrabaldos
meu bisavó volveu cun bandaneón baixo do brazo
e cicatrices como lascas de memoria e soidade
meu bisavó baixa daqueloutro barco,
enfermo de atlántico,
tusindo un tempo que se esfuma na súa fame lenta
eu quería que meu bisavó fose indiano
de chaleco, levita, chapeu e reloxo no peto
pero meu bisavó traballaba día e noite
para facer un enorme banco de carpinteiro
e entre garlochas, martelos, puntas, serras, táboas…
consumía a súa vida e fabricaba esquecementos
meu bisavó nunca me falou de Bos Aires
poucos días antes de morrer
meu bisavó apenas nos recoñecía
e só falaba de xente enterrada na chuvia da memoria
e dunha terra, alén do mar,
que aínda debía gardar a súa suor
e mais a súa mocidade
*
EMIGRACIÓN E ANTIFRANQUISMO NA POESÍA DE XERVASIO PAZ LESTÓN (1898-1977)
Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, aldea da parroquia de San Xulián de Moraime no concello de Muxía (A Coruña), o 23 de outubro de 1898, e faleceu en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.
A súa obra poética caracterízase, de primeiras, polo seu autobiografismo, xa que en moitos dos textos o eu poético é un trasunto do propio autor que expresa as súas vivencias persoais. Porén, non imos facer referencia a estas pegadas autobiográficas, senón ás dúas liñas temáticas fundamentais: o antifranquismo e a nostalxia da Terra. Así pois, unha poética da saudade e unha poética do compromiso moi próxima á poesía civil de autores como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Alfonso Gayoso Frías. Non se trata dunha afirmación gratuíta, pois existen testemuños claros de que a poesía dos dous últimos estaba entre as lecturas de preferencia de Paz Lestón. De feito, no poema “Agasallo”, que é un poema lido na presentación do libro Os fidalgos de Rante de Gayoso Frías, hai unha referencia explícita a Seoane. Desde os seus primeiros textos Paz Lestón é un poeta civil, de denuncia social, comprometido coa causa dos desfavorecidos. Textos datados en 1924, 1925 ou 1926 denuncian a situación da sociedade española durante a monarquía de Alfonso XIII ou a ditadura do xeneral Primo de Rivera, que é cualificado como Xeneral Morralla, Xeneral Metralla, Azor ou “chulo” xeneral Miguel Primeiro. Para o primeiro caso velaí o poema “D’a España Doente…” e para o segundo os poemas “¡Calade…”, “A Unamuno”, no que se fai mención do confinamento do intelectual español, “¡Terror Galiñeiro!” ou “España é un Galiñeiro”. Todos eles apareceron no Correo de Galicia, periódico dirixido por José R. Lence, que tiña como secretario de redacción a Ramón Suárez Picallo. Aparecía os domingos e era lido con interese pola ampla información que traía da Terra e das actividades societarias na emigración. Lence era un home pouco estimado na colectividade pola liña do seu xornal que sempre abalaba para onde máis lle conviñera. Daquela aínda tiña certo espírito galeguista, xa que promovera, en 1917, conxuntamente co Heraldo de Galicia, a asociación regionalista “A Terra” para defender un “san e ben entendido rexionalismo”. Porén, nunca abdicou das súas ideas monárquicas, aínda que desaprobase a conduta de Alfonso XIII con ocasión da Ditadura primorriverista. Por outra parte, no verán de 1922, Blanco-Amor, nomeado director da sección literaria do xornal, promete levar a estas páxinas a escritores galegos, comenzando polos ourensáns Losada Diéguez, Risco, Euxenio Montes ou Xavier Bóveda, ademais de asinar unha serie de artigos sobre poetas nosos como Noriega, Pondal e Curros. As respectivas actitudes de Lence e de Blanco-Amor serven para explicar o sentido das colaboracións poéticas de Paz Lestón. Ademais, hai que lembrar que o poeta non fala de oídas pois regresou a Galiza, para visitar os seus pais, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, polo que tivo información de primeira man para completar aquelaoutra que se recibía na emigración a través de xornais ou testemuños orais ou escritos. Alén diso, existe unha evidente diferenciación no tocante ao tema patriótico pois temos que distinguir cando fala de Galiza ou de España. Así, nos seus primeiros textos a patria do poeta é España e apenas se menciona a Galiza, mais nos poemas da posterior etapa antifranquista o énfase patriótico está en Galiza, que sempre se enfronta a unha Castela que a marxina ou que a asoballa. Aquí reflítese claramente a deriva de Paz Lestón cara á asunción dos postulados do nacionalismo galego. Non pode ser alleo a isto a proximidade de persoeiros como Castelao, Alonso Ríos, Núñez Búa ou Suárez Picallo.
A saudade da Terra penetra en todos os textos que falan da emigración. Malia non ser un exiliado, a visión da emigración que posúe Paz Lestón é moi semellante á dos desterrados por razóns políticas. Na súa poesía non se percibe nunca unha imaxe idílica do éxodo, pola contra sempre se denuncian as súas causas. Isto ocorre xa nos primeiros textos, velaí a magnífica narración da epopea en “Os Novos Conqueridores”, que relata a partida, a viaxe e a derrota da maioría. Esta derrota en referencia individual aparece nos poemas “Andrés do Fontán” e “Andrés”, que talvez fagan referencia a unha mesma persoa, ben coñecida polo poeta, e como amarga experiencia autobiográfica en “Alonxamento”. Outro testemuño dramático é o que aparece en “O Adiós dos Parias” que reitera máis unha vez as causas, a afouteza coa que se emprende a viaxe e finalmente a constatación de que por cada un que vence, cen perderon a partida. Describe a quen se viron na obriga de abandonaren todo por iren na procura de algo que sempre é incerto. A condena da emigración aínda está presente nun poema publicado en 1960, “Barcos” na que o eu poético se sitúa no cume do monte Cachelmo, nas terras de Muxía, vendo como pasan os barcos que se supoñen cargados de emigrantes. Outra cara da mesma moeda é a dos que sofren na espera, que aparece tamén en poemas como “As Naiciñas” ou en “Noiva de Emigrado” onde as que teñen os corazóns abafados son as mozas dos que emigran. Neste poema, que data de 1935, fálase do monstro da emigración / que hoxe a Galicia devora…
A única imaxe en positivo da emigración relaciónase coa actividade das sociedades de emigración, nomeadamente das dúas entidades, a “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía” e a “Asociación Benéfico Cultural del Partido Judicial de Corcubión”, máis coñecida como a ABC de Corcubión, nas que Xervasio Paz Lestón tivo responsabilidade. Son moitos os poemas de circunstancias, case sempre asinados con pseudónimos, que falan deste tipo de celebracións, por exemplo “Que festa a da Barca” –que relata a participación nunha festa anual da ABC de Corcubión de persoas como Maruxa Boga, o actor Tacholas, os Moreiras e outros moitos xoldreiros–. Chama a atención que en moitos destes versos exista unha reivindicación da muiñeira de roda, un baile que o poeta considera representativo da súa terra e que levaba camiño de desaparecer como tradición de nós. Outra constante é a referencia ás regueifas ou a regueifeiros concretos como Celestino Sar, chamado o Seixas de Aboi, Pepe Grande de Quintáns ou Benedito de Lourido. Tamén protagonizan o poema “Regueifantes a chorar”, unha homenaxe ao primeiro dos antes citados no momento da súa morte, de quen se fai un perfecto retrato. Tamén entran nesta serie os poemas conmemorativos como “¡Un Ano!”, no que lembra o primeiro ano da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía e “Vintecinco anos” e “Nas Bodas de Ouro da A.B.C. de Corcubión”, referidos a esta sociedade. Nos primeiros hai versos que resumen perfectamente o papel que debían cumprir estas sociedades da emigración. Ou “Amoroso Fogar” e “Pequeno Piñeiro” nos que fala do Fogar Galego, pois o Hogar Gallego para Ancianos era unha vella reivindicación da emigración como centro de acollida para vellos e enfermos.
Tamén cómpre salientar os poemas escritos nos cabodanos de Pardo de Cela, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lamas Carvajal ou Gonzalo López Abente. Moitos deles teñen o carácter de semblanzas, aínda que non sempre foron feitas despois da morte dos homenaxeados, pois o propio Abente é glosado con anterioridade e nesta liña tamén está a “Semblanza” que escribe para o seu amigo, o poeta Xesús Calviño de Castro. Neste aspecto, é curioso observar que na poesía de Paz Lestón comparten protagonismo os grandes persoeiros nomeados con persoas do común, como os regueifeiros ou de moi pouca consideración social, como se o poeta tamén tivese intención de nivelar a sociedade a través dos seus versos. Personaxes descoñecidos como “Xan Castrelos” ou “A Probe Velliña” que vai petando nas portas das casonas de labregos e de ricos, xúntanse cos anónimos labregos que en colectivo serven de inspiración lírica.
Finalmente, merecen unha destacada mención os textos que, dalgunha maneira, se converten en metapoéticos ou en precisas Autopoéticas. Son abondosas as reflexións que Paz Lestón fai na súa obra sobre o acto poético, ata o punto de ser un dos temas principais, pois nos vieiros de ensoño que lle ofrece o carrusel da poesía vai atopar a felicidade, como confesa no poema que así se titula “A felicidade”. Porén, achégase á palabra poética con humildade como refliten as primeiras estrofas de “Miña Comarca”. Como testemuño do lugar que toda a poesía ocupa e tamén da recepción que tiña na emigración a nosa tradición lírica do Rexurdimento, temos “Lembranza”, onde son invocados a rula Rosalía, Curros e Pondal ou “Meus Versos” no que sitúa os devanditos poetas e tamén a Añón como exemplo de estros lostregantes. Esta invocación e esta veneración convértense en durísima carraxe nos expresivos “¡Batede Mais, Poetas!”, publicado nos anos vinte, e “Compride a Misión, Poetas”, publicado en 1934, que se inicia cunha cita de Evaristo Martelo Paumán tirada de A misión dos bardos. A reacción vén provocada no primeiro caso porque se aproxima a hora das reivindicacións e no segundo pola actitude dos nosos bardos nesa altura, xa que considera que andan á moda ao escribiren versos de amores finxidos e cantaren romances de cegos ou madrigais chorosos, esquecendo os seus deberes. Nese senso apela a recuperar o exemplo de Curros Enríquez e a botar man da poesía directa, refugando os versos pulidos, os conceptos alambicados para salóns e os pesares non sentidos. Cualifica como remilgados a estes poetas e fala da necesidade de que se poñan os versos a servizo dos oprimidos, dos pobos escravos e que combatan a reacción.
Cfr. Villar, Miro, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e Estudio, Sada: Do Castro, 1998.