Adeus a Manolo Soto, fundador do Festival da Poesía no Condado


(Fotografía de Manolo Soto en agosto do 2009. Fonte: primeiralinha)
Hai persoas na nosa nación milenaria que levan ou levaron sempre no seu corazón a Poesía.
Tal é o caso de Manolo Soto, a quen despedimos hoxe. Incansable activista político (sempre no independentismo) e cultural, foi unha das persoas que fundaron e promoveron o Festival da Poesía no Condado, desde a Sociedade Cultural e Deportiva desa comarca.
Xa narrei nesta anotación da bitácora a miña participación no Festival da Poesía no Condado, aínda que tan só fun convidado a participar no X Aniversario, que se celebrou en Salvaterra do Miño os días 15 e 16 de setembro do 1990, na compaña do meu irmán Rafa Vilar, que daquela escribía na norma reintegracionista os seus primeiros poemas. Rafa continuou a participar nas xornadas en anos sucesivos: no XI Festival da Poesía baixo o lema “12 de Outubro de 1991. Contra o V Centenário”; no XII Festival da Poesía “Autodeterminaçom, caminho da independência”; no XIII Festival da Poesía co lema “Poesia em Liberdade”; no XIV Festival da Poesía “Insubmissom” e no XV Festival da Poesía “15 anos em galego”.
Tanto o Rafa coma eu propio sempre tivemos como interlocutor a Manolo Soto, o que demostra que foi un piar na organización destas xornadas poéticas. Na madrugada de onte, día cinco, logo dunha longa doenza fóisenos Soto. E esta tarde o tanatorio de Salvaterra do Miño acollerá un acto civil de despedida, ao tempo que as súas cinzas van ser esparexidas desde as murallas do castelo de Salvaterra do Miño. Neste recinto, en 1990, foi cando o coñecín persoalmente, para logo coincidirmos e saudármonos en moitas mobilizacións, aínda que non nos últimos anos do Día da Patria Galega nos que sempre fixo parte da manifestación de Nós-UP, organización na que militaba. O noso pesar para a súa famila, os seus amigos/as e camaradas.
Velaquí o seu obituario nos dixitais galizalivre e sermosgaliza, e talvez a súa derradeira entrevista no dixital diarioliberdade.
Que a terra da nosa nación milenaria che sexa leve, Manolo Soto.

Esta entrada foi publicada en Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.