Adeus a Gabriel García Márquez «Gabo» (Aracataca, 6 de marzo do 1927 – México D. F. 17 de abril do 2014)


(Foto da Agencia de Noticias e Información de la Ciudad de México, ANICM)
Gabriel García Márquez «Gabo» foi o narrador máis importante na miña vida lectora. No seu adeus recupero esta anotación que escribín no seu 85 aniversario, cando xa estaba convalecente da súa doenza.
Deixounos pouco despois de facer 87 anos. Que a Terra che sexa leve, mestre!
(Anotación do 6 de marzo do 2012)
Gabriel García Márquez fai hoxe 85 anos, pois naceu en Aracataca (Colombia) o 6 de marzo do 1927. Por razóns de saúde nos últimos tempos retirouse da vida pública e mesmo escribiu unha carta de despedida que se pode ler nesta ligazón, feito que levou a pensar que xa non escribiría máis. Porén, en 2009 Gabo manifestolle ao diario colombiano El Tiempo: «Lo único cierto es que no hago otra cosa que escribir». Entre os seus traballos pendentes están os dous tomos que aínda non viron a luz das súas memorias, despois do primeiro e delicioso, Vivir para contarla. Neste 2012 tamén se fan 30 anos desque Gabriel García Márquez gañara o Premio Nobel de Literatura e xa van 45 desque publicara a súa novela de máis sona, Cien años de soledad.
Lin practicamente todos os seus libros, que andan polos andeis da miña biblioteca. Lembro perfectamente o primeiro, un libro de relatos intitulado Ojos de perro azul (que logo inspirou esta curtametraxe), naquela edición da desaparecida Editorial Bruguera, que lin aos dezaseis ou dezasete anos, nun exemplar que me emprestou Frederico López Santalla, o amigo de Lires co que partillaba militancia na organización ERGA e logo noutras historias.
Na Biblioteca Municipal de Cee foi medrando a miña lectura da obra de García Márquez até que en marzo do 1987 agasalleime coa Narrativa Completa, 1 que publicou Seix Barral (daquela aínda non era do grupo Planeta) e que inclúe La hojarascaRelato de un náufragoEl Coronel no tiene quien le escribaLa mala hora e Cien años de soledad.
Logo, cos anos fun completando a miña propia biblioteca coa obra de Gabo e téñolle especial querencia a un exemplar de El general en su laberinto, nunha edición da colección La Honda, Casa de las Américas, Cuba (1989) co que me agasallou o amigo Manel Pardo en 1994.
No entanto a lectura de El coronel no tiene quien le escriba influíu na escrita dun soneto pouco antes de 1990 e que está incluído no libro Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), facendo un xogo literario coa derradeira palabra pronunciada polo coronel e que pecha a narración: «Mierda».
Velaquí aquel soneto que pecha o primeiro dos seis apartados, intitulado «De ti e das ausencias», e que tamén falaba de derrotas daquela hora:
X
O coronel non ten quen lle escriba eme
de “merda”, derradeira voz que dixo,
tampouco eu, e abofé que teño rixo
porque inda no meu barco levo o leme,
teño a quen lle escribir amor con seme
dunha vez que perdín a quen me quixo,
co corazón de pedra feito grixo,
cicelado a martelo, dor que preme.
Fuxidiza estivo ela como esquío
despois de rapinar a gadoupadas
arterias e pulmón, pezas sagradas,
deseguida sentín un arrepío,
co intermitente ritmo das punzadas,
síntoma dos infartos nas chegadas.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Contos, Narrativa. Garda a ligazón permanente.