Adeus a dous autores amados: Eduardo Galeano e Günter Grass

EduardoGaleano02
GunterGrass
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Malia a claridade do ceo primaveral, esta xornada cubriuse de mourén ao coñecer o pasamento no breve intervalo dunhas horas de dous escritores amados para min: Eduardo Galeano (Montevideo, 3 de setembro, 1940 – 13 de abril, 2015) e Günter Grass (Danzig, agora denominada Gdansk, Polonia, 16 de outubro, 1927 – Lübeck, Alemaña, 13 de abril, 2015).
A obra do escritor uruguaio, que coñezo desde a lectura do volume intitulado Las venas abiertas de América Latina (a 1ª edición data de 1971, mais a miña lectura foi nos primeiros anos oitenta), está nunha manchea de libros nos andeis da miña biblioteca persoal e cada un deles foi lido e relido varias veces, pois a súa fragmentariedade facilita este labor de reencontro.
Precisamente agora estaba pendente da saída dun novo volume coa súa sinatura, Mujeres, do que souben polo artigo «Eduardo Galeano y sus mujeres» que aínda onte publicaba no dixital Público o escritor e xornalista galego en Madrid Aníbal Malvar. Coido que o libro aínda non se distribuíu na península ibérica, malia que a súa editora española xa anuncia como de inminente lanzamento.
Alén da lectura, tiven a inmensa fortuna de o escoitar ao vivo en dúas ocasións en Compostela e en ningunha delas nos defraudou, pola contra eu fiquei fascinado pola súa dición e polas ideas que nos transmitiu. A primeira aconteceu o 12 de maio do 2008 nun ateigado Auditorio de Galicia, no acto de presentación do seu libro Espejos (Siglo XXI Editores), daquela introducido por Manuel Rivas.
E a segunda foi o 14 de xuño de 2012, no lanzamento doutra obra da súa autoría  Los hijos de los días (Siglo XXI Editores), na faraónica Cidade da Cultura compostelá, nunha sala chea a rebordar e na que ficou xente fóra, e con moitos rostros coñecidos da nosa cultura (do audiovisual, da literatura, do teatro, do xornalismo…). Como dixen daquela «Malia a previa lectura dos textos, a voz e a dición tranquila e suxestiva do escritor uruguaio acompañounos. Deu lectura a unha pequena serie dun volume que abrangue, a xeito de diario reivindicativo, todos os días do ano, desde o 1 de xaneiro e até o 31 de decembro, nun total de 366 historias, pois tamén se inclúe o bisesto 29 de febreiro».
Testemuño da miña admiración pola obra de Eduardo Galeano son as cinco anotacións que nesta bitácora reivindicaban a súa escrita e os seus posicionamentos persoais, case sempre compartidos. Por orde de aparición estas foron as anotacións (premendo nos títulos accédese tamén a elas).
(4 de abril de 2012) «Elogio de la brevedad», un relato do próximo libro de Eduardo Galeano. Aquí anunciaba que tirado do xornal mexicano La Jornada (vía rebelión.org) podíamos ler en primicia un xeneroso adianto do seu último libro intitulado Los hijos de los días, que coma os anteriores ía publicar Siglo XXI Editores.
(16 de xuño de 2012) Con Eduardo Galeano na presentación do seu novo libro Los hijos de los días (Siglo XXI Editores). Crónica da presentación do devandito título na compostelá Cidade da Cultura.
(17 de xuño de 2012) Eduardo Galeano tamén contra a explotación dunha mina de ouro con lixiviado de cianuro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños). Ao día seguinte a anotación revelaba o compromiso persoal de Eduardo Galeano contra a mina de Corcoesto.
(30 de abril de 2013): 1º de maio: «La desmemoria/4» de Eduardo Galeano e dous affiches de Jules Grandjouan. A celebración do Día do Internacionalismo Proletario servía para reproducir un texto da súa autoría da obra El libro de los abrazos sobre o nacemento desta conmemoración da clase obreira.
(13 de outubro de 2013) 12 de Outubro . Día do Respeto á Diversidade Cultural. Finalmente reproducín outro texto de seu contra a celebración da Hispanidade, como modelo de conquista e aniquilamento de culturas indíxenas e para reivindicar a diversidade de culturas no mundo.
Por parte, a obra do alemán Günter Grass non enche ningún andel da miña biblioteca persoal, aínda que hai ben anos que si teño exemplares das novelas, en versión castelá, El tambor de hojalata (Die Blechtrommel, a 1ª edición alemá é de 1959) e El gato y el ratón (Katz und Maus, a 1ª edición alemá é de 1961) ás que logo sumei outras.
Endebén, en 2000, cando facía eu parte do Consello Editorial da desaparecida (agora en triste liquidación) colección de poesía Ablativo Absoluto (Xerais), que chegou aos 25 títulos, o devandito consello que dirixía o escritor Fran Alonso e que na altura formaban canda min as profesoras e críticas Iris Cochón e Helena González Fernández e a poeta María do Cebreiro, acollimos con entusiasmo a proposta de Úrsula Heinze e Ramón Lorenzo para traduciren unha antoloxía dos seus versos á nosa lingua. O volume intitulado As galiñas de vento imprentouse en xuño de 2002 e compilaba textos dos seus tres primeiros poemarios As vantaxes das galiñas de vento (Die Vorzüge der Windhühner, 1956), Triángulo de vías (Gleisdreieck, 1960) e Interrogado (Ausgefragt, 1967).
Esta bitácora tamén lle dedicou unha anotación o 9 de abril de 2012 intitulada Poemas (XXXIX): «Was gesagt werden muss» (“O que ten que ser dito”), de Günter Grass para reproducir a súa denuncia do programa nuclear do estado sionista de Israel nun texto intitulado “Was gesagt werden muss” (“O que ten que ser dito”), publicado de maneira simultánea polo diario de referencia alemán Süddeutsche Zeitung, o español El País, o italiano La Repubblica (que fixo desaparecer o texto da súa edición na rede) e o norteamericano The New York Times. Nós reproducimos a versión portuguesa, en tradución de Frederico Füllgraf e que tiramos do seu blogue füllgrafianas.
Que a Terra vos sexa leve, caros Eduardo Galeano e Günter Grass!

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Narrativa, Obituarios, Poesía, Política, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.