Adeus a David Mackenzie, da Universidade de Cork, correspondente da RAG



(Arturo Casas, David MacKenzie, Martín Veiga e Clodio González Pérez falan de Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
As dúas imaxes superiores, que fixen con dispositivo móbil, lembran a derradeira vez que puiden falar co profesor David Mackenzie, da Universidade de Cork, correspondente da RAG. Aconteceu o 30 de outubro de 2014, na presentación na Libraría Couceiro da obra de Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos, da autoría do meu caro amigo e poeta noiés Martín Veiga, quen durante moitos anos foi lector de galego na Universidade de Cork, onde aínda hoxe dispensa aulas de español. Nese lanzamento estivo acompañado polos profesores Arturo Casas, da USC, e David MacKenzie, así como Clodio González Pérez en representación de Toxosoutos, editora do volume.
Hoxe que se nos fai para sempre David MacKenzie, e aínda que o tratei ben pouco, teño que salientar a súa bonhomía, a súa xenerosidade e a súa entrega á causa da nosa lingua, que falaba con absoluta corrección, e da nosa literatura galega, que coñecía máis que moitas e moitos filólogos de aquí.
Vén á miña memoria cando o coñecín persoalmente, aínda que xa sabía da súa persoa e do seu bo facer. Foi por volta de 2002 na celebración daquelas magníficas xornadas de estudo sobre a obra de Antón Avilés de Taramancos nas que participei, xunto a outros especialistas, organizadas na cidade irlandesa de Cork, na súa University College, polo profesor David Mackenzie e o poeta noiés Martín Veiga, daquela lector de galego e que foi o meu compañeiro de aulas en Filoloxía.
Uns meses despois saíu o volume Raiceiras e vento. A obra poética de Antón Avilés de Taramancos (Laiovento, 2003), coordinado por Martín Veiga, que alén da súa propia contribución inclúe outras análises literarias que levan a sinatura de Luís Avilés Baquero, María do Cebreiro, Xosé María Álvarez Cáccamo, David Pérez Iglesias e eu mesmo. O volume engade unha escolma de creacións poéticas de Antón Avilés de Taramancos, coa súa traducción ó inglés; e culmina cos textos nos que seis poetas de Irlanda quixeron reflectir a impresión que lles produxo a obra do protagonista das Letras Galegas do 2003. Precisamente, o finado David Mackenzie, responsabilizouse xunto a Martín Veiga das traducións ao inglés.
Que a terra che sexa leve, caro David Mackenzie!

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Estudos literarios, Lingua, Obituarios, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.