Abandono e desfeita no Roteiro da Ponte do Ramo, PRG-123 (Cuntis)



(Sinalización deitada en Vilar do Mato e pintada nunha das laxes dos petróglifos de Cequeril. Imaxes realizadas con dispositivo móbil. Premer nas fotos para agrandar o tamaño)
Andamos novamente por terras do concello de Cuntis (Pontevedra), tamén coñecida como a Vila do Baño, para percorrermos o chamado Roteiro da Ponte do Ramo (que está moi ben explicado en capítulo cero, a excelente bitácora de Manuel Gago, e neste outro blogue, malia aquí falar erradamente de Ponte de Ramos), o PRG-123 (siglas que significan “Pequeño Recorrido en Galicia”), pensado para facer en dúas horas e media.
Nesta anotación xa falamos moito e ben do itinerario na camiñada que fixemos o 10 de agosto do 2011 o escritor (e aínda amigo) Xosé Manuel Lobato e mais eu neste PRG-123, que foi deseñado pola asociación veciñal O Portavezal, a quen daquela parabenizamos polo deseño do roteiro e as explicacións ofrecidas nos paneis que se atopan no percorrido. A senda inaugurouse en outubro de 2009, presentouse oficialmente un mes despois, e está perfectamente sinalizada e homologada pola Federación Galega de Montañismo.
Porén, como testemuñan as imaxes tiradas con dispositivo móbil, desta volta constamos o abandono e a desfeita producidas pola man humana neste fermoso itinerario. Atopamos varias sinalizacións polo chan (primeira imaxe); unha pintada que di «Coto de caza» no lateral dunha das laxes que conforman o fermoso conxunto dos petróglifos de Cequeril, e, por se isto non fose dabondo, o camiño pérdese, xa que un aproveitamento forestal limpou de vexetación toda a zona, alén de arrincar todas as sinalizacións e borrar as pegadas no último quilómetro do roteiro circular que remata na Ponte do Ramo sobre o río Umia.
O roteiro continúa a ser fermoso, mais a man humana estragouno de maneira escandalosa. Cómpre, pois, facermos unha chamada á súa restauración, por moito que agora non existan os subsidios que permitiron a súa creación. O investimento a facer é ben ridículo, para un camiño que ofrece ao visitante a riqueza do patrimonio arqueolóxico, artístico, etnográfico, histórico e natural.

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Lendas e mitos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.