A Xanela. Revista Cultural das Mariñas reseña o conto A pantasma da casa da Matanza


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que edita a A. C. Eiravella de Betanzos e que coordina o noso caro amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, vén de presentar o seu número 37, Primavera do 2014, para lle dar gozosa continuidade a unha feraz traxectoria ininterrompida (desde 1994, xa fan vinte anos!!!).
Alén das súas habituais seccións de Creación (na que como adoito sobrancea a poesía galega actual, desta volta entre eles os amigos X. H. Rivadulla Corcón con «Noite de lúa en Betanzos con Uxío Novoneyra» e Miguel Mato con «Terra negra língua», mais tamén a irmá poesía contemporánea), Historia e Memoria Histórica, Arte, Patrimonio, Filoloxía, Música… e un completo especial «Festa das Letras» que inclúe unha breve antoloxía poética de Xosé María Díaz Castro antecedida pola reprodución dun poema autógrafo de Manuel María, un fermoso soneto dedicado ao guitiricense, datado no nadal de 1986, no centenario de Castelao, en Outeiro de Rei da Terra Chá. Canda os versos os artigos «Díaz Castro e Betanzos» de Armando Requeixo, «Entra no meu soneto, betanceira» de Xulio Xiz e «As cancións de Díaz Castro resoan dende Betanzos» de Alfonso Blanco Torrado.
No habitual apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E máis unha vez dá conta do noso labor literario (e outra volta a nosa gratitude e estimanza). A breve recensión ocúpase do conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con ilustracións de Xosé Cobas, con estas palabras:
«A pantasma da casa da Matanza é a nova aportación de Miro Villar á literatura infantil galega, coma sempre en verso, e desta volta cun motivo rosaliano. A Negra Sombra, “feliz pantasma na Matanza”, da que o poeta da costa da Morte traslada unha visión positiva. “Eu son a Negra Sombra, que os perversos / trabucaron coa dor da enfermidade“. Unha Negra Sombra que se dirixe ao leitor en primeira persoa e preséntase como unha compañeira, unha presenza que acompaña a Rosalía na creación da súa obra, na ledicia e na enfermidade. O libro-álbum, poeticamente ilustrado por Xosé cobas, está editado por Biblos Clube de Lectores».
E, finalmente, máis unha vez, reiteramos os nosos máis cálidos parabéns ás persoas que entregan o seu tempo na A. C. Eiravella de Betanzos polo seu vizoso labor, en tempos nos que se pechan tantas outras portas e xanelas para a cultura e a lingua da nosa milenaria Nazón de Breogán.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.