A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña A cobiza do verme Noel e Bretemada


(A Xanela, portada no número 30)
A Xanela. Revista cultural das Mariñas chega xa ao seu número 32, de outono do 2011. Parabéns por manteren esta vitalidade en tempos tan duros para a nosa cultura e a nosa lingua. Nesta publicación da A. C. Eiravella de Betanzos, que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, adoitan dar conta dos nosos traballos literarios (algo que agradecemos máis e unha vez). Desta volta, no apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda dous dos libros que publiquei este ano. Velaquí as súas palabras:
«A COBIZA DO VERME NOEL, de Miro Villar, é unha nova aportación deste autor á literatura infantil. Villar, poeta ao cabo, artella unha historia en versos hendecasílabos que nos fala da cobiza e do poder, nunha fábula cos vermes no canto dos humanos. Marta Álvarez Miguéns responsabilízase con acerto das ilustracións deste conto editado por Galaxia».
«BRETEMADA. 1917-1922 (LIBRO INÉDITO) do poeta muxián Gonzalo López Abente vén a aportar unha nova visión á obra deste autor da época das Irmandades da Fala. A introdución, estudo e notas son do citado Miro Villar, noutro rexistro do seu traballo literario. Leva un limiar de Méndez Ferrín e está publicado por Alvarellos nunha coidadísima edición como é adoito na súa colección Rescate e conta coa colaboración da recén creada Fundación que leva o nome do poeta de Muxía. Bretemada, metonimia de Galicia, é un longo poema estruturado en seis partes, ademais dun Adicamento e un Introito, que nos seus títulos xa nos vai indicando o percurso polo que vai pasando a nosa terra na idealización do poeta até a súa liberación: Nemorosa, Pastora, Guerreira, Principesa, Escrava e Ceiba. Estamos, pois, diante dun poemario de alento nacionalista».
Coma sempre a revista complétase con páxinas de arte, historia, patrimonio, folclore, música e moita literatura, nomeadamente poesía. A maioría dos números anteriores poden ser lidos en formato PDF nesta ligazón. Obrigado e moita saúde para A Xanela, na que outras veces teñen reseñado as novidades da miña autoría e na que tamén teño colaborado con anterioridade.
Nº 3. PRIMAVERA 1997. O soneto “Cando se nos desgasten as palabras…”, que se publicou no libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) co título de “Tempus fugit (II)”.
Nº 7. PRIMAVERA 1999. Un artigo sobre Orballo de media noite de Roberto Blanco Torres, a quen viña de se lle dedicar o Día das Letras Galegas.
Nº 23. PRIMAVERA 2007. Unha recensión crítica intitulada “Facer claridade nos recordos mudos de Vizoño” que fora lida na presentación do libro Vizoño de Maxi Rei, editado pola A. C. Eiravella.
Velaquí o soneto que publiquei na primavera de 1997.
TEMPUS FUGIT (II)
Inventaremos nuestro propio idioma,
mi amor,
y se nos crecerán los ojos.
GIOCONDA BELLI
Cando se nos desgasten as palabras e o brillo
adquira opacidade, polo correr do vento
e o transcorrer do tempo, no noso pensamento
aínda gardaremos o olor a pan de millo
das palabras espigas, debulladas no trillo
da memoria. Daquela, viranos o momento
preciso, de facermos na boca un movemento
dúctil e convertermos as linguas nun sarillo
que constrúa meadas de palabras nobelos,
de mans entrecruzadas, de amor entre cabelos.
Veremos novos brillos e un novidoso aroma
de palabras magnolias, máis doces que a macela.
Cando se nos desgasten as palabras, daquela
Amor, inventaremos o noso propio idioma.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.