A vintecinco anos da caixa negra do Cason (Fisterra, decembro do 1987)






(Programa “A Caixa Negra”  da Televisión de Galicia adicado ao naufraxio do buque Cason en Fisterra en 1987)
E estes días van aló xa 25 anos. Este programa da TVG, que volvín ollar esta tarde enteiriño, sería totalmente impensable e irrealizable hoxe, coa redacción de informativos ‘amordazada’ na súa actual versión de No-Do.
Un pouco de historia persoal. Daquela eu traballaba no Concello de Corcubión e todo o que vivimos na comarca naquela xornada foi un esperpento que levou á evacuación de 15000 habitantes da Costa da Morte. Non estiven tranquilo até que miña nai marchou finalmente para Compostela, onde estudaba meu irmán, o poeta Rafa Vilar. Logo, estiven na antiga casa do concello corcubionesa (hoxe xulgado) até as catro ou cinco da mañá que acompañei a Xosé Ansede Estraviz, por indicación do daquela alcalde nacionalista Rafael Mouzo Lago, a nos interesar sobre os realoxamentos.
A día de hoxe aínda pouco sabemos da toxicidade daqueles bidóns e daquela nube tóxica. Que había no Cason? Moitas incógnitas sen resolver. En días de mareas vivas aínda se poden ollar fragmentos da embarcación á beira da fermosa praia do Mar de Rostro.
Tempo despois, en 1991, as Edicións do Dragón (Fran Alonso, Paco Souto e mais eu) editamos o segundo cartafol desta volta con poemas nosos, intitulado A rota dos baleeiros, e os poemas manuscritos, ían acompañados da reproducións de fotografías dos estouridos na embarcación.

Esta entrada foi publicada en Documental, Historia, Memoria Literaria, Poesía, Política, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.