A queima de libros na Costa da Morte en 1936


Esta é outra anotación sobre a censura. Desta volta sobre os libros que foron queimados en agosto do 1936 en dous concellos da Costa da Morte: Cee e Corcubión, nun episodio que lembra aqueloutro tamén real e logo ficcionado por Manuel Rivas no seu Os libros arden mal (Xerais, 2006).
Teño a sorte de ter amigos que me achegan lecturas proveitosas, coma a do volume intitulado O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza na II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (Laiovento, 2009), da autoría de Francisco Xavier Redondo Abal. No seu momento pasoume desapercibido, mais hai unhas semanas achegoume á súa lectura Xosé Ramón Rey Senra, historiador local e bibliotecario da Biblioteca Municipal “Francisco Mayán” de Cee, quen está a atesourar un importante fondo local sobre a nosa vila e a nosa comarca. A investigación de Redondo Abal é exhaustiva e ten dúas partes ben diferenciadas. Na primeira percórrese o fecundo labor das autoridades republicanas na provisión de novas bibliotecas e tamén coma agrupacións políticas e sindicais, ateneos ou casinos, foron quen de manter abertas bibliotecas para toda a poboación. E na segunda parte nárrase coma o golpe de estado de xullo do 1936 contra a legalidade republicana trouxo consigo a represión, no que atinxe aos libros houbo bibliotecas enteiras queimadas, roubadas, incautadas e espoliadas, como sinala o autor, en nome dunha Patria e dunha Relixión que entendían os libros como “material perigoso”. Deseguida reproduzo os parágrafos nos que se fala de Corcubión e de Cee:
A mediados de 1931, en Corcubión, a poderosa CNT daba pulo á Sociedad de Oficios Varios “La Igualdad”. Con preto dun cento de afiliados en 1936 -cifra moi alta se temos en conta o censo de poboación do concello- a sociedade tivo, nese ano fatídico, a Luís Prado Ros como presidente. Cando o 26 de xullo Corcubión cae nas gadoupas dos sublevados, ao mando do tenente da Garda Civil Rodrigo Santos Otero, non pasarán nin vinte e catro horas até que o local cenetista fique clausurado. Con todo, será o novo delegado civil en Corcubión, Francisco Trillo Lago -alcumado Campia- quen, xa en agosto, incaute no sindicato “una vitrina biblioteca llena de libros y folletos”. O mesmo Trillo lago escribirá no seu informe “la biblioteca fue examinada y procedí a queimar todos los libros y folletos que contenía, por ser muchos de ideas extremistas y la mayor parte pornográficos”.
Sen saírmos da Costa da Morte, en Cee, a Sociedad Obrera de Oficios Varios, ligada á socialista UGT, xorde tamén nos meses centrais de 1931. Cando os fascistas penetren en Cee e incauten os bens da sociedade, “os libros secuestrados serán queimados” por orde de Guillermo Quintana, quen así llo comunicou ao sublevado tenente coronel da Garda Civil, Florentino González Vallés, nun oficio que leva data de 20 de agosto do 1936. (páxinas 53-54)
Non era algo descoñecido para min pois como revela Redondo Abal a súa fonte documental neste caso foi o libro do noso amigo Luís Lamela García, Crónica de una represión en la Costa da Morte: Cee, Vimianzo, Ponte do Porto, Corcubión, Fisterra, Zas… (Do Castro, 1995), estudo profundo no que colaborei a solicitude do seu autor cun soneto inédito que escribín ad hoc para servir de pórtico ao capítulo onde se narra a represión en Cee, que remataría co asasinato de varios veciños da miña vila. Como relata de maneira documentada Luís Lamela na súa magnífica investigación, os sindicalistas Norberto Recamán Lago, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueira, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez foron condenados a morte por un tribunal militar.
«La sentencia se cumple a las siete horas del citado 9 de diciembre de 1936 en las inmediaciones de Punta Herminia de A Coruña. El mismo lugar en que pocos días antes cayera inerme el cuerpo de Miñones. Después del trabajo del pelotón, el oficial que lo manda procede a rematarles uno a uno con un tiro de gracia en la parte lateral del cráneo. Las cabezas destrozadas rebotan violentamente contra el suelo por el impacto del proyectil y saltan violentamente como queriendo soltarse del cuerpo. ¡El orden estaba establecido! Los enemigos contentos y la justicia… violada».
Semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceense, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938.
A pedimento de Luís Lamela escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico do primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte. Velaquí:
1936
Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.
Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.
Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.
Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da libertade núa.

Esta entrada foi publicada en Documental, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Política. Garda a ligazón permanente.