«A Pondal», de Gonzalo López Abente, o primeiro epicedio no pasamento do bardo pontecesán





Hai cen nos, tal día coma hoxe, e tan só tres días despois do pasamento do bardo pontecesán Eduardo Pondal o poeta muxián Gonzalo López Abente escribía o primeiro epicedio ou composición lírica na súa lembranza. O texto vería a luz unhas semanas despois, pois o poema «A Pondal» vai ser publicado por A Nosa Terra, 15, 10 de abril de 1917. Porén, a familia conserva un manuscrito, datado un mes antes «Muxía, 10 – Marzo 1.917», acompañado da sinatura autógrafa e sen a cita dos versos de Queixumes dos pinos. O manuscrito presenta numerosas enmendas, entre elas o trazo de Gonzalo López Abente elimina a estrofa que poñemos entre paréntese.
A PONDAL
Dend’o chan de Bergantiños
«Neste despoxo oscuro,
Algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
De grande e de divino;
Cal astro que tuvera antigamente,
Un resprandor altivo;
Algo de somellante n’él contempro,
A un luceiro extinguido…»
(De Queixumes dos pinos).
Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
_____
«Virxen válme! Un cadavre!»
os ecos repetino
pol-as esquivas gándaras
do chan de Bergantiños.
«Virxen válme! Un cadavre!»
marmularon-os pinos
c’o medoñento son
de penados espíritos.
Un cadavre! berrano
os corvos montesíos,
erguendo de antre as uces
o seu voyo fatídico.
As correntes lixeiras
dos cantareiros rios,
cantano tristemente
un funeral dôrido;
y-as furnas, fondas, negras,
remexeron no abismo,
c’os tombos escumantes do mar bravo,
temerosos muxidos.
Cubrínose de brétemas loitosas
os dous fachos altivos:
—facho de Touriñán
e facho de Lourido;—
vixiantes soberbos
do noso chan querido
onde van aniñaren
de noite os mazaricos.
(Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os dôridos queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soaron
os cantos valerosos de Pondal.)
Pobre terra de Xallas
por onde o Bardo amigo
cruzóu cando estudeante
calado e pensativo;
¿por qué tan triste o vento
funga nos toxos hirtos?
¿Qué tendes? ¿Qué decides?
¡Un morto!… ¿Quén morrío?
Y-a fada de Rouriz
berróume nun sospiro:
—Foise Gundar, o nobre fillo d’Ouro;
morréu Gundar, o meu amado fillo.
______
Ouide, ouide todos
a un fillo de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
______
Rouriz e Morpeguite
con falar compunxido,
co-as guedellas revoltas
e das bágoas nos ollos o rebrilo,
dixénome: —Pois tí,
que inda nas veas tes sangue do estinto,
pol-o amado dos celtas
un canto entoarás tenro e dôrido.
¿Mais onde a inspiración
ha de hachar un cativo
parente de Gundar,
anque o peito afrixido
y-atormentado teña?
E Morpeguite dixo:
—Repetide o que oyéu
a boa Bergantiños.
Y-é verdade que n-hai
outro falar mais dino
que aquel falar valente
do noso Bardo estinto:
Ouide, pois, ouide,
o que oyéu Bergantiños:
«—Neste despoxo oscuro,
algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
de grande e de divino;
cal castro que tuvera antigamente,
un resprandor altivo;
algo de somellante n’él contempro
a un luceiro extinguido…»
____
Est’é o que ven decirvos
un fillo de Breogán,
c’os doentes queixumes
que respetoso trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
Muxía-III-1917

Esta entrada foi publicada en Autografías, Efemérides, Manuscritos, Memoria Literaria, Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.