«A poesía de Florencio Delgado Gurriarán no marco dun século convulso», artigo no volume colectivo ‘Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia Infinda’, editado polo Servizo de Publicacións da USC

FOTO: Santi Alvite

Este pasado venres, 13 de maio, desenvolveuse o acto institucional (no que non puiden estar por razóns laborais) de lanzamento do habitual volume colectivo elaborado polo departamento de Filoloxía Galega e que aborda desde diferentes perspectivas a obra da autora ou autor homenaxeado nas Letras Galegas. Desta volta o título escollido foi Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia Infinda, que editou como adoito o Servizo de Publicacións da USC.

Reproduzo a entrada da nova na páxina oficial da USC, onde se pode ler a síntese da media ducia de traballos publicados da autoría de Xesús Alonso Montero (que asina os dous primeiros), Áurea Fernández Rodríguez, eu propio, Concepción Álvarez Pousa e María Xesús Lama López, antecedidos por un limiar da profesora Dolores Vilavedra.

A USC enaltece “o vencello indestrutible co idioma” de Florencio Delgado Gurriarán

O acto institucional do Día das Letras Galegas serviu para presentar o volume co que a USC rende tributo ao autor de ‘Galicia Infinda’

Lugo, Santiago de Compostela

Venres, 13 de maio de 2022

“Un acto de xustiza e unha decisión necesaria”, así definiu Francisco Cidrás, director do departamento de Filoloxía Galega, o acto institucional co que a USC gabou este venres 13 a figura do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao que se lle dedica, neste 2022, o Día das Letras Galegas. O acto presidido polo reitor Antonio López, contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella. “Galicia ten unha débeda con esta xeración”, dixo Antonio López ao referirse á vida “fendida pola guerra” do autor de Galicia Infinda e do que destacou a súa condición de xurista, así como a súa “sensibilidade e compromiso”.

Logo da introdución realizada polo propio profesor Cidrás, procedeuse á presentación da obra Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia Infinda cuxa edición correu a cargo da profesora Dolores Vilavedra, quen subliñou “o vencello indestrutible co idioma” do homenaxeado. Nesta mesma liña, pronunciouse o profesor Xesús Alonso Montero ao destacar a condición de “poeta monolingüe” deste autor que, malia nacer en Córgomo (Valdeorras), en 1903, pasou sete décadas da súa vida no exilio, fiel á lingua que falaba a súa familia. O acto contou tamén con diversas interpretacións musicais a cargo de Samuel Diz.

“Remover a terra das nosas letras”

Na súa intervención, o profesor Francisco Cidrás lembrou como o Día das Letras Galegas ten visitado o exilio bonaerense, “mais é a primeira vez que se achega ao exilio mexicano, á periferia do desterro galaico-americano”. Cidrás destacou como “en tempos nos que se fala (non tanto como se debería) de recuperación da Memoria Democrática, é tempo tamén de remover a terra das nosas letras, de exhumar no faiado da nosa desmemoria, na fosa común dos nosos esquecidos”. Carencia que, en parte, palía a obra editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que constitúe o número 53 desta colección dedicada ás figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

Así, na presentación da obra a profesora Vilavedra lembra como Florencio Delgado Gurriarán chegou a México o 7 de xullo de 1939, na compaña doutros case mil refuxiados e refuxiadas que “fuxían da represión e procuraban, simplemente, a posibilidade dunha vida. México foi xa por sempre, para Florencio, o país no que se materializou esa posibilidade”. Cando a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas, “fíxoo consciente de que se trataba dunha figura poliédrica, cunha non moi extensa obra literaria mais que representa coma poucas un perfil vital e intelectual esgazado polas consecuencia do levantamento fascista de 1936”, engade a profesora da USC. “O perfil de tantos homes e mulleres, a meirande parte deles esvaídos no anonimato, que tiveron que reinventarse da outra banda do mar”, continúa.

Da análise desta traxectoria vital fendida polo exilio, encárgase o profesor Xesús Alonso Montero no capítulo titulado ‘Un achegamento á singular biografía lingüística de Florencio Delgado Gurriarán’, título tamén do relatorio pronunciado este venres no Colexio de Fonseca. Alonso Montero afonda nos referentes inspiradores do autor, entre eles, Curros Enríquez, e reflexiona sobre a súa condición de “militante da causa da galeguidade”. Ademais, noutro capítulo da obra, o propio Alonso Montero, aborda un artigo inédito deste autor que data de 1976. O tamén ex presidente da Real Academia Galega cualificou a vida do poeta como “biografía exemplar dende o punto de vista cívico”.

Logo das achegas bibliográfico-documentais realizadas polo profesor Alonso Montero, o libro consta dun apartado con diversos estudos que profundan na figura do poeta dende diversas perspectivas. Así, Áurea Fernández Rodríguez asina o capítulo ‘Florencio Manoel Delgado Gurriarán, poeta-tradutor entre o desafío e a esperanza no exilio’. Miro Villar afonda na poesía do autor no marco dun século convulso, mentres que Concepción Álvarez Pousa céntrase na tradición literaria galega presente na obra do homenaxeado. Finalmente, ‘Florencio Delgado Gurriarán. Poeta vitalista avant la lettre’ é o titulo do capítulo que firma María Xesús Lama López.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta