A Poesía Completa de Gonzalo López Abente nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Á lus do candil é a activa libraría que rexentan en Arteixo o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, e alén de organizaren moitos actos e presentacións literarias e musicais, manteñen tamén unha forte presenza na rede, na súa páxina do facebook e nun blogue.
Nesa bitácora teñen unha sección fixa intitulada «Recomendacións» na que onte, mércores 7 de agosto, anunciaban o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que eu preparei como editor literario e que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente (en cuxa páxina tamén se pode ler unha crónica dos actos de presentación).
Obrigado, moitas grazas aos amigos Alba e Modesto, cos que estarei os próximos días na Feira do Libro de Cee.
Velaquí o texto que escriben:
Xa chegou á libraría «Á lus do candil» a «Poesía Completa» de Gonzalo López Abente (Muxía 1878- 1963), egrexio poeta da Costa da Morte e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Poeta, narrador, ensaísta ou dramaturgo son só algunhas das múltiples facetas creativas do autor do poemario «Alento da raza», unha das obras centrais da poética abentiana e tamén da poesía galega das primeiras décadas do século XX. A «Poesía Completa» de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2013), da que se encargou o escritor e profesor Miro Villar, está chamada a se converter nun valioso tesouro para coñecermos, máis de preto e en profundidade, a vida e a obra dun autor pouco coñecido e, á vez, imprescindible da nosa literatura.
«Poesía Completa». Gonzalo López Abente. (Ed. Miro Villar)
Edita: Espiral Maior, 2013. PVP: 30 €

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.