A pantasma da casa da Matanza, unha recensión do xornalista Xosé Ameixeiras



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Vicente de Lema, un dos pseudónimos adoito utilizados nas súas crónicas polo xornalista Xosé Ameixeiras (@xameixeiras), asinou na súa columna «Onda maina» na edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia en papel e tamén na edición dixital do pasado venres, 24 de xaneiro do 2014, unha agarimosa recensión do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), ilustrado por Xosé Cobas. Deseguida reproduzo o texto, que moito agradezo e estimo.
Onda maina
A negra sombra
Vicente de Lema
24 de xaneiro de 2014
Quen de adulto non ten gozado dun libro infantil? Moitas veces ocorre. Caeu nas miñas mans estes días A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, con ilustracións de Xosé Cobas. Villar é un inesgotable tecedor de palabras que exerce o sacerdocio da linguaxe cunha perseveranza admirable. Neste traballo presenta unha historia da Negra Sombra de Rosalía que alimenta o devezo pola poesía e harmonía. Así vai contando o poeta de A Granxa como a pantasma ía vendo como a nai la literatura moderna galega escribía, verso a verso e estrofa a estrofa, ou como corría detrás do seus andares. A mesma rosa sobre a silueta da faciana da poetisa, a fiestra inspiradora ou a pomba coa flor no peteiro parecen revelar os segredos dos poemas que ían aparecendo sobre o papel branco. É un libro infantil universal para adultos. A sombra na Matanza, ao pé da mesa e do leito da autora inmortal. Miro invita aos rapaces a navegar polo mundo das rimas rosalianas coa súa obra que xa hai algún tempo que nada polas librerías, con vida propia esperando que alguén lle siga a dar oportunidades. A Negra Sombra, que ademais enfeitizar no papel, sempre soou a alma galaica profunda, ben fose na voz de cerne do inesquecible Frank Sinatra galego, Pucho Boedo, da máis melodiosa de Luz Casal, ou a lusófona de María do Ceo, e mesmo co acento italiano de Albano. Como o marmurio do río.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.