A pantasma da casa da Matanza, recensión na bitácora de literatura infanto-xuvenil Brabádegos



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Brabádegos, de quen xa falamos nesta anotación, é unha bitácora especializada na nosa literatura infanto-xuvenil e que naceu na rede en marzo deste ano 2012. Lembro máis unha vez a súa propia presentación na primeira anotación do seu blogue:
«As folerpas caen de solás no souto con precisión milimétrica. Pingas de auga doce que esvaran entre os brabádegos, castiñeiros novos, que intentan abrirse paso con forza nun duro inverno.
Este blog pretende encher un oco non pequeno no mundo da literatura infantil e xuvenil en galego. Con humildade ser un lugar no que se dea conta das novidades dun sistema literario de vangarda e, por que non, unha fonte de máis de sete pichos da que poidan beber pais e nais. Queremos que os nenos da nosa terra soñen distinto, queremos que durman arrolados polo doce pronunciar das palabras autóctonas e acubillados co infinito maxín que provoca sorrisos».
Desta volta, Brabádegos ocúpase do meu máis recente conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013) con ilustracións de Xosé Cobas. Pódese ler nesta ligazón a recensión intiulada «Arte, poesía e Rosalía» e que deseguida reproduzo, non sen antes facerlles chegar os meus parabéns pola súa andaina e a miña inmensa gratitude por se ocuparen novamente da miña creación.
Arte, poesía e Rosalía
Como unha pluma negra que pousa docemente, unha folla de castiñeiro que se deixa ir, unha rosa vermella asilvestrada, como o son da poesía mesma, así chega ao souto na invernía unha obra de tapas duras que arrecende a tacto, que transmite amor e tenrura,  e que transporta deliciosamente no tempo e no espazo ata a Casa da Matanza, a casa de Rosalía de Castro.
Biblos Clube de Lectores presenta A pantasma da casa da Matanza e volve apostar polas marabillosas e suaves ilustracións de Xosé Cobas, todo un referente que atesoura a sabedoría da consagración como pintor cunha paleta chea de pasteis que se elevan a arte. A escolla de Xosé Cobas, máis que acertada, acompásase cos textos doutro grande, Miro Villar, labrador de versos marabillosos, que abre o abano do enxeño deseñando todo un conto en verso, recendo dos figos da figueira, arredor do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro.
Este volume á parte de pola súa fermosura discursiva é unha ferramenta máis que útil para introducírmonos no mundo da poesía e na figura da autora galega do Rexurdimento. No souto recomendámola especialmente para a docencia para, con estrema tenrura, introducir a vida e a obra da autora desde un punto de vista diferente, fuxindo dunha concepción fechada do facer nas aulas. Todo un aloumiño de libro:
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
                                         Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
                                         Sonvos como a dozura da almofada.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.