A pantasma da casa da Matanza (no prelo) no catálogo de novidades da Revista Galega de Información Literaria de Biblos Clube de Lectura



A ilustración, magnífica e suxestiva, que realizou Xosé Cobas para o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza serve de pórtico ao número 65 da Revista Galega de Información Literaria (velaquí en pdf Biblos65) de Biblos Clube de Lectura, unha iniciativa de promoción e venda por catálogo ou na rede da literatura galega e portuguesa e da música e do cinema de nós que xurdiu da man de Carmela González, como directora, e do escritor Tucho Calvo, como director literario, que tamén posúen selo editorial de seu e que non hai moito, desde o pasado 15 de agosto, veñen de completar a súa oferta co acolledor espazo da súa libraría física na cidade vella de Betanzos.
A razón está no feito de que o selo editorial Biblos, como se informa na cuarta páxina da revista (nº 65, ano XI), vai acoller axiña unha edición singular, cartonada, e con ilustracións de Xosé Cobas do conto rimado A pantasma da casa da Matanza. Un texto agora revisado, que tivo unha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo intitulado Quen casa ten de seu, que se rematou de imprimir o 24 de febreiro do 2009, día do 172 aniversario do nacemento da Poeta, e que incluía os contos «A grila na casa da Matanza» de Marilar Aleixandre e ilustrado por David Pintor; «Atrapados no museo» de Fina Casalderrey, que debuxou Ramón Marcos; «A verdadeira historia dun dente de Rosalía de Castro» de Xosé Antonio Neira Cruz, que ilustrou Miguelanxo Prado, «O conto de Amara» de Helena Villar, debuxado por Iván Suárez e o meu conto rimado, daquela intitulado «A fantasma na casa da Matanza», ilustrado por Fausto Isorna, cuxas primeiras estrofas reproducín nesta anotación da bitácora.
Desta volta, a publicación en Biblos enriquece de maneira notable o conto, ao se converter nunha edición singular na que sobrancean as ilustracións de Xosé Cobas.
Deseguida reproduzo as palabras de presentación recollidas no catálogo en rede na seguinte entradiña, das que omito as características técnicas e o prezo, e na revista en papel (na imaxe superior):
Miro Villar e Xosé Cobas
A pantasma da casa da Matanza
Historia dunha vagamunda «Negra sombra » á que lle gusta moito ler e que un día chega á casa da Matanza, derradeira morada de Rosalía de Castro, onde se vai deixar engaiolar deseguida coa musicalidade e o ritmo dos seus poemas.
***
Miro Villar e Xosé Cobas ofrecen un delicado
traballo inspirado pola obra de Rosalía de Castro
A pantasma da casa da Matanza, poesía
e misterio arredor da Negra sombra
As fermosas e suxestivas ilustracións de Xosé Cobas acompañan o conto rimado A pantasma da casa da Matanza, unha nova entrega de Miro Villar no eido da literatura infantil que, ademais, permite demoradas lecturas para o público adulto e interesantes reflexións aos especialistas en Rosalía de Castro e a súa obra.
Desta volta Miro Villar narra a historia dunha vagamunda «Negra sombra» á que lle gusta moito ler e que un día chega á casa da Matanza, derradeira morada de Rosalía de Castro, onde se vai deixar engaiolar deseguida coa musicalidade e o ritmo dos seus poemas. Presa deste enfeitizamento, vai ficar agochada entre as demais sombras da casa, até se converter na fonte de inspiración dos versos rosaliáns adoito coñecidos con ese título e que aínda hoxe agachan moitos enigmas aos especialistas na biografía e na obra da autora.
O relato vai dirixido a calquera público, mais está especialmente recomendado para lectoras e lectores autónomos que coñezan un pouquiño a
obra de Rosalía de Castro.
Biblos edita este libro no ronsel das obras que conmemoran o 150 aniversario da publicación da primeira obra da poeta, Cantares Gallegos (1863).

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A pantasma da casa da Matanza (no prelo) no catálogo de novidades da Revista Galega de Información Literaria de Biblos Clube de Lectura

  1. Pingback: As crebas » A pantasma da casa da Matanza xa nas principais librarías

Os comentarios están pechados.