A pantasma da casa da Matanza na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro


Esta tardiña preséntase en Rianxo o primeiro número de Follas Novas, a nova revista de estudos rosalianos da Fundación Rosalía de Castro, que tamén está dispoñible para a súa lectura en descarga de balde nesta ligazón.
A nova publicación que dirixe o académico, escritor e profesor Xosé Luís Axeitos neste primeiro número, patrocinado polo propio Concello de Rianxo, céntrase na «Análise crítica da obra en prosa de Rosalía de Castro», que ocupa toda a sección de «Artigos» con importantes achegas de Carmén Fernández-Pérez Sanjulián, Kathleen N. March, María López Sández, Francisco Rodríguez Sánchez e María Pilar García Negro; na sección «Documentos» María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda exhuma unha carta de Alfredo Vicenti a Manuel Murguía e outra deste último á propia Rosalía é analizada por Diego Rodríguez González. Outras seccións como «Recensións», «Bibliografía», «Varia» e «Casa de Rosalía» completan os seus contidos.
Na sección de «Bibliografía» os profesores da Universidade de Granada Aurora López e Andrés Pociña compilan as «Últimas tendencias na bibliografía de e sobre Rosalía» e entre as numerosas referencias está a mención, que moito lles agradezo, ao conto rimado da miña autoría A pantasma da casa da Matanza, con ilustracións de Xosé Cobas (Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013 na Noite da Edición 2014). Velaquí a súa xenerosa acollida:
Editado para ocupar un posto no ronsel das publicacións conmemorativas do 150 aniversario, como declara Biblos Clube de Lectores que presenta un libriño estéticamente inmellorábel, Miro Villar, como autor, e Xosé Cobas, como ilustrador, co breve conto-poético A pantasma da casa da Matanza, lévannos ás habitacións íntimas de Rosalía na casa en que pasou os últimos anos da súa vida e onde morreu, na actualidade a ben coñecida Casa-Museo de Rosalía en Padrón; alí atopamos unha pantasma errante, unha Negra sombra, que asenta na casa, fascinada pola poeta:
Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecía a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.
Un conto para pequenos e para grandes, fermoso pola poesía e polas ilustracións, unha preciosa edición e explicación do insuperábel poema “Cando penso que te fuches”.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Efemérides, Epistolarios, Estudos literarios, Infantil, Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.