A pantasma da casa da Matanza na recomendación de Mercedes Queixas Zas para a revista Criaturas

MercedesQueixas
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Criaturas. Revista dixital de literatura infantil e xuvenil é unha nova publicación que vén encher un baleiro enorme na crítica e na difusión da literatura galega nese tramo etario, sobre todo desde que no inverno de 2007/2008 vira a luz o nº 12 de Fadamorgana, que foi o derradeiro.
A coordinación de Criaturas está nas mans de Ledicia Costas e Daniel Landesa, que contan cunha pléiade de autoras e autores no seu Consello Editorial: Fran Alonso, Burghard Baltrusch, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zas, Laura Sáez, Gracia Sanctórum e Miguel Vázquez Freire.
Polo de agora só publicaron un fermoso nº 0, que se pode descargar aquí de balde en formato pdf ou a través da plataforma de publicación dixital Issuu. Alén diso, a súa páxina web está estruturada en diferentes categorías e hoxe detereime na sección denominada #polomenosunlibro na que diferentes autoras e autores recomendan unha lectura, como a profesora e investigadora Mercedes Queixas Zas a quen moito lle agradecemos que escollese o noso A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), que ilustrou de xeito magnífico Xosé Cobas. Velaquí o texto da recomendación:
Mercedes Queixas Zas. Profesora de ensino medio, escritora e secretaria xeral da Asociaciación de Escritoras/es en lingua galega. Recoméndanos o libro A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (Biblos). Na imaxe sae con Mariña, quen nos quere recomendar Os Megatoxos, de Anxo Fariña (Edicións Xerais).
Sobre A pantasma da casa da Matanza: “Recoméndoo porque presenta, entrelazando unha estética ilustradora delicada e atraente cuns versos rítmicos moi ben levados, unha Casa da Matanza chea de vida en que a personificada Negra Sombra nos presenta a primeira Rosalía de Castro”.
Sobre Os Megatoxos: “Os Megatoxos é un libro, unha colección de libros que deixan a pel de galiña. Non é do tipo de libros en que a trama ou o nó empeza na páxina 140. Non, este libro dende o principio tenta para non deixar de lelo (e dígocho eu que só con ver a portada púxenme *).

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Contos, Estudos literarios, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.