«A outra Fisterra», recensión de Mario Regueira a Breizh no semanario Sermos Galiza


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
Mario Regueira, narrador e poeta, autor dunha obra que me interesa como lector, asina desde o número cero a crítica literaria nas páxinas do semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, da que eu propio son subscritor e sempre animo a apoiar para termos prensa en galego nos quiosques. Desta volta, agradezo ben que no número 45 (3 de maio do 2013) veña a se ocupar de comentar o meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos, 2012). A recensión pódese ler premendo na imaxe.
Interesoume moito a atenta lectura dun escritor que, sen dúbida, coñece moito mellor ca min a xeografía e a xente da nación bretoa, tal e como explicita na súa novela L’affiche rouge (Xerais,) onde transcorre boa parte da historia a protagonista Daniela amosa o seu fascinio polas terras atlánticas de Breizh.
Alén diso, tamén me enorgullo de facer parte do xuri que lle deu o XVIII premio Xosemaría Pérez Parallé, convocado polo Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, ao seu primeiro libro de poemas, intitulado Tanxerina (Espiral Maior, 2006).

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.