A ollada sobre o mar do poeta da montaña Antonio Noriega Varela

noriegavarela
Fotografía: Arquivo da RAG)
Sebastián Martínez-Risco escribiu un magnífico e memorable limiar para o libro de poemas de Gonzalo López Abente Centileos nas ondas (Vigo: Galaxia, 1958), que asina como Sebastián Risco, para evocar a presenza do mar na literatura galega.
Nesa peza maxistral de erudición literaria recolle unha divertida piada do poeta da montaña Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 19 de outubro de 1869 – Viveiro, 27 de marzo de 1947) e a súa ollada singular sobre o mar. E hoxe na conmemoración do natalicio do poeta mindoniense recuperamos ese fragmento.
(…)
O mar de ROSALÍA é o mar da mágoa, o «leito misterioso e frío» que a chama pra que nil vaia «brandamente a descansar»: a nosa sura do Sar alcontra nas «augas sin fondo» do mar da nosa terra un termo de comparanza coa súa fonda dór, cecáis un acougo pra súa infinda saudade posto que lle fai sentir «unhas ansias mortáis d’apousar n’el». Ten na súa lira o mar un senso de intimazón, un broído ecoante do seu propio sentimento de anguria.
En troques, pra PONDAL, o mar é o «fero Océano», o loitador do «eterno e duro combate», ser podencioso e ardido, imposto de un pulo épico. O mar, coa terra e o ceo, compoñen o grandeiro esceario do seu mundo mitolóxico.
Non é nova, sen dúbida, a conceición do mar como personaxe sañoso e indómito. De antigo usouse comparalo co xenio arrautado das xentes. Dende aquela quadra da nosa poesía popular arcaica:
Miña nai é mui bravía,
fai como as olas do mar
pasando pola sonada comparanza que Paio Gómez Chariño fixo del co Rei Don Alfonso X:
e pode muit’e á tal corazón
que o non pode ren apoderar,
ata chegar ás alusiós que Gil Vicente e Juan del Encina fan a cotío a moza «sanhosa como o mar».
Nos nosos mesmos días, certa serán do vrao vivairense, ouvín de labios do grande poeta da montaña, o ademirábel Noriega Varela, cando na súa esgrevia xuntanza paseiaba eu pola aberta praia de Covas, vendo ir e vir «as irritadas ondas do Cántabro salobre», unhas verbas sentenciosas, nas que sentín latexar a desdenosa indifrenza do seu esprito diante da oufaniosa esquiveza e o brandor fuxidizo das procelosas augas.
Rompendo o balbordar das ondas veciñas, atrevinme, naquil vagar, a demandarlle:
—E vostede, Noriega, ¿por qué non ten cantado o mar?
E o poeta das outas terras cortóu, co seu xeito de comprida cortesía labrega, ista resposta chea, sen dúbida, do seu tácito amor á montaña i á doce homildeza das miudas chorimas:
—Ai, señor! O mar élle mui bravo; non se lle pode cantar.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Humor, Poesía. Garda a ligazón permanente.