A obra de Valle-Inclán sen versión galega até 2017. Unha brincadeira

Valle-Inclán01
Valle-Inclán02
(Portada da 1ª edición de La Cabeza del dragón (Farsa), de Valle-Inclán. Viñetas de Joseph Moja, 1914. E portada da edición de Austral que lin e manexei)
A prensa galega e estatal chamaba a atención que o 80 aniversario do pasamento do escritor Ramón Mª del Valle-Inclán ía propiciar tamén a súa tradución á nosa lingua, vetada até a actualidade. Porén, como sinala o semanario Sermos Galiza este feito só será posible en 2017: «O pasado 5 de xaneiro fixéronse 80 anos do pasamento de Ramón Valle-Inclán, pero a súa obra non se libera, segundo a lei, até o 1 de xaneiro do ano seguinte. Cóntanolo o actor, director e dramaturgo Cándido Pazo, quen afirmou que este será o ano da “desamortización valleinclanesca”, aludindo á prohibición dos seus descendentes de representalo en galego, euskara e catalán.
Así que teremos que agardar a 2017 para ver un Valle en galego. Xa se tentara en 1984 nada máis fundarse o CDG cando o albacea e fillo do dramaturgo se negou en rotundo a permitirlle representar en galego Divinas Palabras, segundo Luís Álvarez Pousa, daquela director xeral de Cultura».
Persoalmente lembro ben cando por volta de 1998 o Centro Dramático Galego (CDG) achantou ou capitulou e contra o seu mandato estatutario de promoción da lingua galega levou á escena a Valle-Inclán en español e lembro tamén ter acudido ao chamado do sector teatral galego que naquela altura se manifestou na rúa e con diferentes actos alternativos como a lectura de fragmentos da súa obra versionados á nosa lingua.
Naquela época fixen miña aquela transgresión cando estaba a escribir a primeira versión da miña novela infanto-xuvenil O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que andando o tempo chegaría a recibir o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente.
Nese texto hai unha brincadeira, pois o grupo teatral Talía visita a vila do protagonista e representa unha peza de Valle-Inclán na nosa lingua. A obra era La Cabeza del dragón (Farsa), na edición de Austral que había na Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” de Cee. E a miña narración inclúe unha escena versionada en galego. Velaquí:
Un pregoeiro do concello anunciou dende o estrado que ao remate habería un espectáculo de títeres. O grupo Talía ía poñer en escena cos seus monicreques a obra de teatro A cabeza do dragón. Fiz escoitou que era dun señor chamado don Ramón, mais non sabía que se trataba de don Ramón María del Valle-Inclán.
Fiz e Gus fixéronxe chiscadelas de complicidade e o primeiro mirou de esguello se os seus pais escoitaran o anuncio. O acontecemento era a ceo aberto, na praza e non custaba nin un patacón. Por un acaso, Fiz comentou en voz alta.
― ¡Cacholos! ¡Hai cacholos!
­― Está ben, rapaz. Está ben. Xa sei o que queredes mais primeiro imos mercarvos todo o que vos vai facer falta para o inverno.
(…)
COMO SON ESPECTADORES DA PEZA DE DON RAMÓN
A CABEZA DO DRAGÓN
E PARA ENCHER A MAÑÁ DE DOMINGO ESPLENDOROSA
OS PAIS COÑECEN A ROSA
Na praza de Vilancosta existía moita expectación diante do primeiro acontecemento teatral que se producía na localidade dende había polo menos unha década. O ruxe-ruxe dos nenos non agachaba a curiosidade e a tensa espera pola actuación do grupo Talía que ía poñer en escena a obra A cabeza do dragón de don Ramón María del Valle-Inclán.
Non se esaxeraría un pisco ao dicir que estaban todos os nenos de Vilancosta e moitos outros de fóra que viñeran á feira cos seus pais. Diante do escenario das marionetas colocaran a lona máis grande que se atopara no concello para sentar aos espectadores miúdos, mais abofé que non abondaba e había aínda moitos de pé. Detrás deles estaban as nais, os pais ou os avós.
Gus deulle co cóbado a Fiz e sinalou cara ao outro extremo. Aló estaban Rosa e unha das súas amigas a lles faceren acenos coa man. Miraron que houbera sitio e andaron lixeiros cara a aquela zona. No percorrido escoitaron rosmidos e non eran outros que Xosé, Lois e outros membros da súa cuadrilla. Fiz tirou do brazo de Gus. Non era tempo de lle facer caso ás picadas provocativas. Saudaron con alegría ás dúas rapazas.
― ¡Ola! ¿Cómo estades?
― ¡Psssssssss!
Rosa pregoulles silencio. O telón principiaba a abrirse. Sentaron deseguida no oco que lles gardaran. A primeira escena deu comezo. Os monicreques, manexados por fíos de cordel apenas visibles, cobraron vida.
Tres príncipes xogaban á pelota no patio de armas dun castelo de torres grandes. Os diálogos foron acompañando os movementos dos personaxes.
Os murmurios dos cativos acaláronse axiña. Moitas bocas abertas e todas as olladas espertas eran testemuño do interese cara ao espectáculo.
O príncipe Axonxolí, o príncipe Verdemar e o príncipe Pompóm son interrompidos polo Trasno que lles retén a pelota para lles pedir que lle devolvan a súa liberdade.
As escenas vanse sucedendo unhas a outras entre sorpresas, risos e tamén, ás veces, rostros de desacougo e preocupación da miúda concorrencia.
O Bufón, cos seus andares e reviravoltas cómicas pola corte do rei. O rei Micomicón, coas súas longas melenas do cento de anos que levaba habitando no reino, é un xigantón de sabias palabras. A Infantina, filla do rei, máis fermosa ca unha rosa, encantadora coma un cisne branco no azul dun lago. A Duquesa, o Mestre de Cerimonias e outros personaxes van aparecendo e mesturándose na historia e facendo as delicias do público infantil.
Sen dúbida a escena que máis gustou aos cativos foi o enfrontamento do Príncipe Verdemar co Dragón.
PRÍNCIPE VERDEMAR: ― Princesa dos meus soños, son un namorado da túa fermosura, e veño de afastadas terras para vencer ao Dragón.
A INFANTINA: ― O Dragón é invencible, nobre cabaleiro.
PRÍNCIPE VERDEMAR: ― Se fose como dis, abondaría para a miña gloria dar a vida na túa defensa. ¡Velaí xa o Dragón!
(Escóitase o voo do Dragón rompendo as pólas das árbores e metendo medo aos paxaros. É un monstro que ten herdanza da serpe e do cabalo, coas ás dun morcego).
A INFANTINA: ― Eu non quero que tan nobre vida se aventure a unha morte certa. Fuxide, xeneroso paladín.
PRÍNCIPE VERDEMAR: ― Son irmáns o teu destino e mailo meu. Sexa unha a nosa sorte, e que a estrela da tarde, que agora nace no ceo, vexa a nosa desgraza ou a nosa ventura.
(O PRÍNCIPE VERDEMAR pelexa co DRAGÓN. A boca do monstro descobre sete fileiras de dentes. Hai un intre no que o paladín sente esmorecer o seu empuxe. Mais animouno o seu sentimento divino do amor, e erguendo a dúas mans a súa espada, que semella unha raiola de sol, dálle morte ao DRAGÓN).
Con esta escena aínda non rematou a historia. A Infantina reclama ao belo paladín e hai unha competencia para sabermos quen matou o dragón, pois ese cabaleiro ten o dereito de amar á princesa. Acoden varios candidatos, o cortello das vodas entra na sala dos banquetes e ao final…
O final non o imos contar aquí. Mellor que leades o libro de don Ramón.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Infantil, Narrativa, Teatro, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.