A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición literaria de Xesús Sambade) preséntase o vindeiro sábado en Muxía



(Cartaz e convite. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O mes das Letras Galegas remata en Muxía coa celebración dun importante acto literario organizado pola Fundación López Abente. Este sábado, día 26, ás 19,30 na Biblioteca Municipal da localidade costeira vai ter lugar a presentación do volume A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, en edición literaria do profesor muxián Xesús Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.
As palabras de benvida e saúda de Félix Porto, alcalde de Muxía e presidente da Fundación López Abente, darán paso á intervención de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais (quen non hai moito xa visitou Muxía para presentar a novela O noso amor será eterno, de X. H. Rivadulla Corcón, baseada na lenda da Buserana); do profesor e crítico literario Ramón Nicolás, director da colección Biblioteca das Letras Galegas, e finalmente do profesor Xesús Sambade, editor literario e autor da excelente Introdución que acompaña á prosa abentiana e que xa puiden ler nas primeiras probas de maquetación do libro.
A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, reedita cinco inencontrables novelas curtas do autor muxián: O diputado por Veiramar (1918); O escándalo (1920); O novo xuez (1922); Buserana (1925) e Fuxidos (1926). A escolla do título para o conxunto obedece á ligazón que todas as obras teñen co ambiente mariñeiro, non só na descrición da paisaxe senón tamén no deseño dos seus personaxes protagónicos.
Tiven a gozosa oportunidade de reler todos estes textos na edición que preparou o amigo Suso Sambade, quen nos ha dar moitas sorpresas na explicación do seu traballo. A min xa me serviu para lembrar a potencia narradora dun autor que é moito máis coñecido polo seu estro.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición literaria de Xesús Sambade) preséntase o vindeiro sábado en Muxía

  1. Pingback: A presentación de «A narrativa mariña», de Gonzálo López Abente, no blog de Miro Villar | Xerais

Os comentarios están pechados.