«A Muxía de Rosalía (e II)», artigo do antropólogo Manuel Vilar


(Fotografía de Vidal, de Laxe)
E velaquí vai a segunda parte.
13-12-2013
Canta xente…
A Muxía de Rosalía (e II)
Manuel Vilar Álvarez
Quero rematar este ano a miña colaboración para o Terra e tempo dixital cunha pequena achega rosaliana. Sei que non son un experto na obra de Rosalía, tan só un rosaliano desde o primeiro momento que a lin, cando cheguei a un internado coruñés para estudar o bacharelato. Entón ou xogaba ao fútbol ou lía, eran as dúas alternativas para matar as horas mortas. Nunca me gustou moito xogar, así que lía todo o que caía nas miñas mans, tanto narrativa coma poesía, como calquera outro libro que atopaba naquela cativa biblioteca, pois entón, en plena ditadura, o acceso á información e a cultura era delito e o acceso á cultura propia máis aínda. Un día caeu nas miñas mans Cantares gallegos e para un neno vido dunha escola rural foi toda unha sorpresa, porque aquela poesía era entendible e falaba da realidade vivencial da que eu procedía.
Tense escrito moito ao longo deste ano sobre Cantares gallegos, quizais non o suficiente, pois estamos falando dunha obra clave do noso devir cultural, pero tamén como pobo e como pobo con conciencia de seu.
Na miña colaboración do pasado mes de marzo falei da Muxía de Rosalía, de cómo sería a vila que ela coñeceu en 1853 e de cales foron as razóns que a levaron até alí. Agora tan só quero determe brevemente no poema de Cantares que fai referencia a esa vila, o poema número 5 (na primeira edición e o 6 nas seguintes) do libro e que, como outros varios, está encabezado, e neste caso tamén rematado, por unha copla popular, algo que para min ten que ver non só co mergullamento pleno de Rosalía na, digamos, cultura popular (entón cultura de masas), senón tamén co concibir esta como algo que reflicte un saber acumulado pola experiencia histórica, como un xeito lóxico de razoar e entender o mundo no que se vive, como algo realmente normal e non episódico.
Nada novo vou achegar para entender a obra de Rosalía, non son esas as miñas pretensións, en todo caso dicir que aínda quedan temas que se poden seguir  investigando e reinterpretando, pois o contido e sentido desta obra ten plena actualidade. Tan só podo, e quero, invitar a que a sigamos lendo, xa que mentres fagamos isto estaremos reivindicando tamén a nosa presenza no mundo global.
Neste poema Rosalía fai un percorrido por como sería entón a romaría da Virxe da Barca, unha romaría que vivía momentos de éxito, seguramente de éxito aínda novo, pois non penso que a súa popularidade como festa vaia moito máis alá do século XVIII. A romaría, daquela como agora, era importante e a ela acudía moita xente: ”Canta xente… canta xente”. Era un fito clave para rachar a vida do día a día.
O poema non é unha descrición etnográfica plena de cómo sería a romaría da Barca. As referencias á contorna do santuario, as súas pedras e aos rituais, é dicir, ao espazo no que ten lugar a parte menos profana da festa, non son abundantes, tan só as necesarias para obxectivar os elementos singulares desta romaría e que determinaron as peculiaridades da mesma, a súa especificidade. O máis descritivo neste aspecto está nos versos que falan da imaxe, que está “na sua barca pequena” e “dond´ estan dous anxeliños / dous anxeliños que reman”, ou nas referencias lendarias a que a virxe “alí chegou milagrosa / nun-ha embarcaçon de pedra” e que a “pedra vala”, pero abala máis pola ledicia da xente que polo poder divino, tanto que ten sentimentos, “como si fose mociña”, e comparte a ledicia da xente que brinca enriba dela. Dos “anxeliños” que remaban xa non podemos falar en plural, cando menos algún xubilouse ou padeceu unha reconversión e xa non está no altar.
A romaría é unha desculpa para Rosalía para loar a xente que a ela acode, un pano de fondo diante do que vai pasando a xente corrente, labregos e mariñeiros, que era entón a masa social do país, pero especialmente as mozas “cura de tódalas penas”, pois a mocidade é o futuro e a ledicia do presente. Se hai mocidade tamén hai futuro.
O feito que Rosalía quer destacar é a moita xente que acode e de cómo a pequena vila de Muxía se transforma totalmente neses días coa presenza de miles de romeiros e romeiras, que acugulan (acugulaban, agora xa non é así, pois o epicentro romeiro trasladouse fóra dos límites da vila) as estreitas rúas muxiás xunto a todo tipo de vendedores ambulantes. Temos, así, o espazo transformado para que o acontecemento sexa especial, velaí unha das características das romarías: a transformación do espazo.
O importante para a autora nesta descrición é un feito social no que participa o pobo, así en xeral, algo que mostra a confianza social e perspectiva de futuro. Hai referencias ao contexto relixioso, á imaxe, que “sempre adoradores teña”, pero a festa é unha desculpa para xuntarse, unha paréntese no tempo ordinario, un tempo distinto que se aproveita para celebrar a vida e renovar as ganas de vivir, para activar a cohesión social, a pertenza. A romaría é un todo, pero onde a presenza da xente é clave: sen xente, e sen xente que queira celebrala, tampouco hai romaría.
Rosalía estaba na casa do médico Leandro Abente. Desde o balcón desta casa, situada entre a ribeira (daquela aínda non estaban de moda os paseos marítimos) e a rúa principal da vila (desde marzo pasado hai unha placa, colocada pola Fundación López Abente, que sinala este feito), vería como os romeiros ían entrando nesta pequena poboación mariñeira e ocupando o espazo urbano para celebrar a romaría. A única maneira de chegar era entón andando ou por mar, “por campiñas, e por veigas! / Canta pó lo mar abaixo”. E a xente chegaba andando, pero a Rosalía chámalle máis a atención a que viña por mar, “que lanchas tan ben portadas” que, nese día, tamén se engalanaban para a ocasión “con aparellos de festa!”, non eran as lanchas de todos os días. E viñan de todas as vilas do arredor, pero tamén de lonxe, quizais Ponteareas quedase algo lonxe, pero a sona da romaría era ampla e Rosalía quérea mostrar como un feito que afecta a unha boa parte do país. Hoxe pódenos parecer raro que viñera xente desde as rías baixas nas súas dornas, pero na década de 1950 os da Guarda acampaban en Touriñán mentres se dedicaban varias xornadas á pesca e as lagostas que pescaban ían estercar as hortas, pois non eran capaces de cambialas por patacas ou touciño. E un vello crego muxián, que exerceu de párroco nunha vila da ría de Pontevedra nos anos posteriores á guerra, contoume como, nos primeiros días da súa nova estadía, sorprendíase ao virarse cara aos fieis na misa e ver rostros que lle resultaban familiares, eran mariñeiros que tiña visto varias veces por Muxía de xolda.
Desde a súa atalaia Rosalía observa entrar a xente, xente que vén para celebrar colectivamente a súa pertenza social e ganas de vivir, xente que entra cantando e aturuxando (eran os whatsapps de entón) para marcar ritualmente a súa chegada, para mostrar aos outros que aquí estamos nós, e eses outros distinguíanos polo xeito de cantar, xente que viña agrupada polos lugares e parroquias de orixe. “Ai aqueles alalás de Morquintián!”, laiábase unha vez a un vello muxián falando da romaría, pero en Morquintián xa non hai xente para cantar.
A xente tamén se vestía para a ocasión, deixando na casa a roupa de todos os días e lucindo a máis vistosa, xente que quer que a miren, mirar e ser mirada. Seguramente a descrición das roupas das mulleres que fai Rosalía non sexa un documento exacto, pero debe ser bastante fiel. De todos xeitos, o que quer dicir Rosalía coa descrición de cómo vestían as mulleres non é tanto un retrato fiel como incidir na diversidade de vestir, da variedade, que non todas vestían igual e de xeito monótono, gris e sen gusto, que había interese en mostrar no vestir a ledicia de vivir, que a xente aínda que traballe duro e teña pouco poder adquisitivo pode ter elegancia, sentido da estética e, sobre todo, sentimentos, ganas de gozar e de vivir.
O vestir é máis que un complemento contra as inclemencias do tempo, dá unha imaxe visual de nós, é un sinal de identidade, algo que nos identifica e que fala de nós. Distinto é a utilización folclorista da vestimenta, que de elemento diferenciador pasa a ser elemento uniformizador, dando unha imaxe aceptable de nós, dunha cultura da diferenza pasamos a potenciar a unidade monocromática, a diversidade como algo politicamente non correcto, por non dicir “salvaxe”; cando non aniquiladora, como pasou en Escocia coa estandarización do kilt, que entre outras consecuencias significou a aniquilación da industria téxtil tradicional a man das teas procedentes da industria inglesa.
Neste poema, como en toda a súa obra, Rosalía mostra respecto e orgullo pola súa sociedade, unha sociedade que entende e coñece, pois sen coñecemento non se pode cambiar nin mellorar nada. Non son estudoso da literatura, e menos da literatura internacional, pero cando ando por aí falo do tema, pregunto e non se encontra outro caso dun autor ou dunha autora que entendera tan ben o carácter das xentes e do seu país, algo que só se pode comparar co escocés Robert Burns, pero aínda que toda a súa obra está colgada na rede, a súa lectura resulta difícil para un pouco familiarizado con esa segunda lingua que se fala no sur de Escocia.
Con este poema, Rosalía abriu tamén a porta para que Muxía, e a súa romaría, sexan un referente literario. Faríano os poetas locais, os Abente e Paz Lestón, e outros galegos, como Antón Zapata, Ángel Valente ou Guerra da Cal, por citar só tres nomes, pero tamén poetas da talla dun García Lorca, e outros menos coñecidos pero que atoparon aquí material para o seu trabllo literario, como o canadiano John Reibetanz, que escribe en inglés.

Esta entrada foi publicada en Arte, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Tradicións. Garda a ligazón permanente.