A Mostra de Teatro de Cee ferida de morte



Vinte anos separan estas dúas fotografías. Na primeira (de José Manuel Casal, da edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia) Artur Trillo, actor e director teatral, e eu propio, coa longa barba que adoitaba ter daquela, tiñamos rostros de ilusión ao presentarmos a V Mostra de Teatro de Cee (1992). Na segunda (de Ubaldo Cerqueiro, do dixital quepasanacosta, Artur Trillo e Toño Casais -actual presidente da AAAG– presentan con rostros de desolación a XXV Mostra de Teatro de Cee.
Non hai perdón para as administracións que deixan morrer este excelente festival da dramaturxia. Non hai perdón.
Xa narrei aquí nesta bitácora coma no verán de 1988 nacía a I Mostra de Teatro de Cee, daquela organizada pola A. C. Domingo Antonio da Andrade, que presidía o mestre Xosé Cañizo e da que eu era o secretario. Aquel grupello traballamos arreo en botar a andar esa magnífica idea que nos propuxo Artur Trillo. Naceu a Mostra, que axudou a crear un público teatral, e naceu o grupo de teatro amador ou afeccionado Talía, no que tamén durante anos fun axudante técnico a carón do incansable Víctor Trillo Sendón. Mesmo cheguei a facer un papel (que non creo digno de recordo) como actor na obra O crime de aldea vella (O crime de aldeia velha), do dramaturgo portugués Bernardo Santareno, e que polas súas dificultades escénicas só se representou en Cee e no vello cinema (hoxe inexistente) de Fisterra.
Andando os anos tiven que deixar de colaborar con Talía, que se converteu nun grupo profesional do mellorciño do noso panorama teatral, como acreditan os seus premios María Casares recibidos polo propio Artur Trillo, verdadeira alma mater dos proxectos do grupo e da Mostra, ou por Toño Casais. Eles dous viven instalados no mundo teatral e eu celebro, xa como espectador, todos os seus éxitos.
Este verán a Mostra de Teatro de Cee, desde hai uns anos organizada por Talía Teatro conmemorará 25 anos de moito traballo agradecido pola descomunal resposta do público. Un público, e Artur Trillo non me deixará mentir, que houbemos de educar para o teatro, mais que rematou por ser a peza fundamental para fornecer de azos á organización das xornadas.
Andarei por terras de Normandía nesas datas, mais partillo con todos vós o berro de denuncia e de dor perante novas coma esta que atentan contra a cultura.
E sei que bradaría ben forte de indignación o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, que tantos espectáculos nos trouxo até Cee.
Maldita sexa a sorte dos que deixan a Mostra de Teatro de Cee ferida de morte.

Esta entrada foi publicada en Historia, Presentacións, Teatro. Garda a ligazón permanente.