A inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar» na voz da súa autora, Viki Rivadulla



(Fotografías de Juanma Abelleira Ronquete nas que estamos as persoas que a acompañamos. Na primeira, de esquerda a dereita: Félix Porto Serantes, alcalde do concello de Muxía e presidente da Fundación Gonzalo López Abente; Antón Castro, crítico de arte; a artista; o poeta Rivadulla Corcón; eu propio; a poeta Rosalía Fernández Rial e o poeta Miguel Mato Fondo. E na segunda, tan só a artista e os catro poetas. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Viki Rivadulla explica na súa bitácora Sala do perello como viviu desde a súa pel a inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar», da que xa se falou nesta anotación.
Alén de lel agradecer o convite, reproduzo deseguida a súa interesante reflexión.
O MEU MAR, en Muxía
«O pasado sábado, 13 de xullo, inauguramos a mostra O meu mar, en Muxía. Fixémolo dentro dos actos do 50 aniversario do pasamento de López Abente. O cal debo a gradecer á Fundación Gonzalo López Abente, organizadora dos actos, e ao seu presidente, Félix Porto que foi o encargado de inauguralos. A inauguración ten moito sentido dentro destes actos xa que o título está tomado do fermosísismo poema de López Abente que se chama O meu mar.
Na inauguración contei, coma sempre, coa colaboración de poetas amigos, aos que teño que agradecer a súa presenza sempre que os chamo para colaborar. Corcón, Rosalía Fernández, Miguel Mato e Miro Villar – Serxio Iglesias non puido vir, pero sei que está tamén sempre aí . Aí están sempre colaborando de forma totalmente desinteresada.
Grazas sempre aos poetas , non só por estar sempre que se lles chama, senón sobre todo por coidar e facer a nosa lingua ainda máis grande do que xa é. Elas e eles son do melloriño que temos neste país.
E grazas moi especiais a Antón Castro, un muxián que é toda unha autoridade no mundo da arte, como crítico, como profesor, divulgador e promotor de moitas iniciativas. Antón fixo unha presentación fermosísima que me conmoviu, pois non só mostrou o seu grande coñecemento e erudición , senón que sobre todo mostrou unha sensibilidade que só pode ter un dos nosos, un fillo de mariñeiros, dunha estirpe de xentes do mar que coñece de primeira man o traballo e vida dos homes e mulleres do mar.
O meu mar é o mar da lus e as cores da Costa da Morte, especialmente de Muxía, é o mar das xentes traballadoras que queren seguir vivindo do mar ,- como o meu Rolando- e é tamén o mar dos e das poetas , meus amigos, e das mulleres e homes como Antón Castro, que un día foron nenos en Muxía».
(Cartaz da exposición)

Esta entrada foi publicada en Arte, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.