A identidade nacional córnica


O antropólogo muxián Manuel Vilar foi o noso guía en Cornualles (en córnico: Kernow [ˈkɛrnɔʊ]; en inglês: Cornwall; en portugués Cornualha), pois xa tiña percorrido estas terras hai máis de dúas décadas. Desta volta comentou que lle sorprendera percibir un aumento da conciencia nacional identitaria dos córnicos, algo que nós puidemos comprobar pola profusión da súa bandeira (que non coñecíamos) en moitos recunchos. Nesta viaxe levounos até a pequena vila de Zennor, pois a igrexa contén unhas históricas cadeiras e no seu cemiterio unha inscrición comeza dicindo “Here lieth interred Dorothy Pentreath who died in 1777, said to have been the last person who conversed in the ancient Cornish”. Se traduzo ben lembra á derradeira persoa que falou no antigo córnico, Dolly Pentreath. Nesa mesma vila, Manolo Vilar conversou cun veciño que resultou ser unha das persoas preocupadas polo recuperación do córnico. E se non lembro mal falouse de que na actualidade unhas 800 persoas, tan só, poden manter unha conversa en córnico. Toda unha cura de humildade e unha lección para aprendermos e reflexionarmos quen estamos na dignificación e na normalización do noso idioma. Tamén, na nosa visita ao King Edward Mine Museum (pois esta foi terra de mineiros e aínda se conservan algunhas), que está moi ben explicado por vellos mineiros voluntarios, un dos que non abrira a boca repartiunos un envelope ao final no que había unha defensa da identidade nacional de Cornualles, por suposto o documento estaba escrito en inglés. Pouco sabiamos desta nación e á volta mergullándonos na rede demos con esta entrevista a Cutcliffe, deputado do Cornish Stannary Parliament, que participou no Fórum Social Mundial, en Belém (Brasil), de aí que poidamos ler a conversa en portugués. Abondo clarificadora. E no tocante á literatura, escasea a escrita en córnico (normal nun país sen público lector e sen falantes), porén esta terra inspirou a moitos autores, como se pode ler nesta ligazón.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.