Engado a este repositorio destas crebas.gal o artigo escrito para o suplemento cultural de Nós Diario que se publicou na fin de semana previa ao Día das Letras Galegas, Sermos Galiza, nº 501 (14 de maio de 2022), número monográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán que coordinou Manuel Xestoso.
Reproduzo deseguida o texto, que tamén se pode ler nun documento pdf na miña conta de ISSUU ou nesta ligazón do propio suplemento.
A fonda pegada de Florencio Delgado Gurriarán nas revistas Saudade e Vieiros
Derrotada a República o poeta corgomés é un dos 998 refuxiados que en xullo de 1939 chega ao peirao de Veracruz no «Ipanema», nun dos barcos da liberdade que acolleu o goberno progresista do presidente mexicano Lázaro Cárdenas. E nos primeiros anos, mentres se vai adaptando á súa nova condición, o estro literario de Florencio Delgado Gurriarán e a súa poesía máis combatente fican adormentados. Outro exiliado galego, o cineasta Carlos Velo (Cartelle, 1909 – México, 1988), procúralle traballo na delegación en Toluca do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles). E andando o tempo os seus días transcorren en Guadalaxara, no estado de Nova Galicia, realizando diversos oficios.
Saudade (1942‒1944 e 1952‒1953)
Porén as súas inquedanzas galeguistas, tanto políticas coma culturais, fan que axiña sexa un actor principal no cativo asociacionismo con acento galego. A revista Saudade, subtitulada Verba Galega nas Américas, con dúas etapas (1942‒1944 e 1952‒1953) é o primeiro proxecto de relevo no que se vai implicar a escrita e a acción de Delgado Gurriarán. Para achegármonos a ela temos a reedición facsímile feita polo Centro Ramón Piñeiro (que se pode consultar en pdf na rede:
http://www.cirp.es/pub/docs/revrec/saudade.pdf).
Nela pódese comprobar que a publicación era unha estratexia do grupo Saudade e da Irmandade Galeguista, que viña supoñer a continuidade en México do PG, para se converter nunha referencia ideolóxica coa que combater o franquismo na liña que no exilio representaban Castelao e o Consello de Galiza. Nunha extensa conversa con Dolores Plá en 1979, recuperada en 2022 no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, Florencio afirma: “aunque éramos pocos y con pocos recursos, publicamos varias revistas, todas en gallego”.
No primeiro número, datado o “Día de Galiza” de 1942, figura como editor o arquitecto betanceiro Xosé Caridad Mateo e na redacción Ramón Cabanillas Álvarez (fillo do poeta), Ramiro Illa Couto, Carlos Velo e o propio Florencio, e na súa extensa nómina de colaboradores están practicamente todos os nomes do exilio galego en México, mais tamén dos exiliados e emigrantes que abrazaron a causa republicana noutros territorios de América e, xa logo máis tarde, dos galeguistas que escribían no denominado «exilio interior». O pintor exiliado Arturo Souto é o ilustrador con máis presenza, xunto a Carlos Maside ou Colmeiro, entre outros. Na primeira etapa saíron dous números en 1942, outros dous en 1943 (o primeiro con Illa Couto e o segundo con Cabanillas como editores literarios) e o quinto en 1944 (tamén con Cabanillas).
Na segunda etapa tan só apareceron dous, en xullo de 1952 e en xullo de 1953, faise máis plural, sendo o seu editor Roxelio Rodríguez de Bretaña, quen foi o primeiro “Segredario” Xeral do Padroado da Cultura Galega de México. Desta volta figura como director o socialista Marcial Fernández no nº 6 (por erro numérase co 5) e no nº 7 o propio Florencio, e entran na súa redacción o galeguista Luís Soto e o socialista Porteiro Viñas. As liortas dialécticas provocaron nesta altura un enfrontamento entre Gurriarán a Soto que faría arrefriar a súa amizade.
Entre os presupostos da publicación está a afervoada e continuada defensa da lingua galega como símbolo identitario, de feito até boa parte da publicidade está en galego, algo inaudito naquel tempo, e para ese obxectivo de dignificar o noso bota man de numerosas colaboracións, case medio cento de nomes que van desde os clásicos do noso Rexurdimento até autores contemporáneos do poeta corgomés, tanto do exilio e da emigración, como do denominado “exilio interior”. Por certo, alén de Rosalía tan só dúas mulleres, Chita Lamas (dona de Ramiro Illa Couto) e a poeta ourensá Pura Vázquez. Malia predominar a creación literaria, sobre todo a poética, na revista tiveron acubillo todas as temáticas, desde a antropoloxía até as diferentes manifestacións artísticas, música, pintura…
No tocante á participación de Florencio, aquela que está asinada pois moitos textos sen asinar poderían ser da súa autoría, está conformada polos seguintes poemas: “Noiturno da noiva jarocha”, “Pintura de feira”, “Poemas da Galiza infinda: (Notas pra unha xeografía metafórica de Galiza)”, “¡Galicia é infinda!…”, “Rumba”, “Pandeirada”, “Os gaiteiros de Montgomery”, “Da Galiza Infinda (libro proúximo a aparecer): Nemórame o feitizo do tesouro”, “Vello almanaque”, “Bocarribeira valdeorresa”, «Do poeta «Da Galiza Infinda»: “A galega en París”, “Camiño da serra”». Con retoques estilísticos ou lingüísticos foron incorporados ao poemario Galicia Infinda (1963).
O seu biógrafo Ricardo Gurriarán (1999, 2022) engade que o pseudónimo Porto do Río tamén agocharía o poeta corgomés e aparece asinando o texto “Louvanza do viño de Ourense”. A hipótese é moi factible porque a dedicatoria do artigo sinala: “A Valdeorras, terra nai da fror dos nosos viños”. E con toda probabilidade tamén é da súa autoría a sección «Fontes e forxas da Fala», que compilaba literatura popular: adiviñas, contos, refráns ou romances.
Vieiros (1959‒1968)
Case un lustro despois Florencio Delgado Gurriarán tamén vai estar entre os mantedores da revista Vieiros (1959‒1968), subtitulada Revista do Padroado de Cultura Galega de México. Concordante nos obxectivos coa anterior, do punto de vista estético é un proxecto moito máis ambicioso no que incorporan os escritores «novos» do momento (Ferrín, Casares, López-Casanova, Bernardino Graña, Xohana Torres, …) e tamén engaden numerosas colaboracións plásticas de artistas galegos de sona na preguerra (Castelao, Díaz Pardo, Souto…) e na posguerra (Reimundo Patiño, Xaime Quessada, Xulio Maside…), fitos que converten as súas páxinas na máis interesante publicación galega desas décadas tanto desde o punto de vista estético coma desde unha perspectiva ideolóxica que mantiña aceso o facho antifranquista fronte á contemplación internacional.
Todos os directores da revista proviñan do anterior proxecto de Saudade, Florencio é un dos que figura, xunto a Luís Soto e Carlos Velo, nos dous primeiros números, pois no terceiro é substituído na terna por Xosé Caridad Mateos, por mor do seu traslado por razóns laborais a Guadalaxara, Nova Galicia. Na última páxina de Vieiros, 3 (outono, 1965), na sección «Os homes ias labouras» dise:
“O querido amigo e irmán Florencio Delgado Gurriarán non figura niste númaro, na co-Direición de VIEIROS, por vontade propia, diante a imposibilidade de traballar nas tarefas da mesma ó atoparse a mil kilómetros de distancia, da cidade de México onde se edita VIEIROS. Con moita mágoa tivemos que atender istas razós, mais faguemos costar que continúa sendo un esgrevio coulaborador da nosa Revista. Nós sabemos ben da galeguidade nidia e afervoada de Florencio, esí como do seu talento e da súa barileza.”
En Vieiros publicou nove poemas no primeiro número (“O viaxeiro”, “Atotolnico”, “Xacarandá”, “Tabachín”, “Paricutín”, “Morelia”, “Manzanillo”, “Volta” e “Xarabe Tapatío”), dous no segundo (“Noiturnio da noiva jarocha” e “Conto sinxelo”), ningún no terceiro, que coincide co traslado, e outros dous no cuarto e derradeiro (“A Galiza asolagada”, subtitulado “Anacos dun poema inédito” e a tradución “Barco Bébedo (Paráfrasis Galega do “Bateau Ivre” de Jean-Arthur Rimbaud”). De quitado desta tradución todos incorporados ao seu poemario Galicia infinda (1963), publicado segundo o colofón o día 16 do mes de Nadal de 1963, co nº 12 de «Salnés», a colección de poesía galega da Editorial Galaxia que codirixían Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, pseudónimo de Francisco Fernández del Riego. Digno de encomio e arriscado o seu labor, pois na altura Delgado Gurriarán era aínda un escritor exiliado en México por mor do seu nunca agochado compromiso antifranquista.
Alén diso no primeiro número da revista (1959), acompañando os seus poemas, apareceu o artigo de Marcial Fernández intitulado “A Poesía de Florencio Manuel Delgado Gurriarán”, que é o primeiro estudo monográfico de importancia sobre a súa creación literaria.
Florencio tamén asina recensións das novidades literarias galegas que recibían de Galaxia, sobre todo poéticas, con anotacións sobre Á lus do candil e Terra brava de Ánxel Fole, Do sulco de Xohana Torres, Os eidos de Uxío Novoneyra, Centileos nas ondas de Gonzalo López Abente, Don Hamlet de Cunqueiro, Samos de Ramón Cabanillas, Galicia como tarea de Valentín Paz Andrade, e mesmo sobre Eufonía de Buenos Aires, a revista que dirixía o poeta Alfonso Gayoso Frías, ou sobre o labor da RAG naquela altura. Alén diso anúncianse senllos artigos lingüísticos seus que non verían a luz, «Apontamentos lingüísticos. O Corpo» cuxo mecanoscrito exhumou Ricardo Gurriarán (1999: 381-389) e a crítica do Diccionario de Eladio Rodríguez González.
Entre ambas revistas cómpre lembrar unha obra de autoría colectiva na que Florencio foi asemade un esteo fundamental, o Cancioneiro da loita galega (1943). Editouse nunha imprenta da cidade de Durango que estaba participada polo Goberno de México e na que traballaban outros exiliados galegos e en opinión de Alonso Montero (1996), no limiar da edición facsímile nas desaparecidas Edicións do Castro de Isaac Díaz Pardo, o verdadeiro armadanzas do proxecto literario foi Florencio. Para os seus propios poemas, un total de doce, vai utilizar o pseudónimo Nadel, aos que Ricardo Gurriarán (1999, 2022) engade dous sen asinar por atopar os manuscritos no arquivo persoal do poeta e outros dous asinados co pseudónimo R. Miño, o que convertería o poeta corgomés no autor máis prolífico nesta colectánea e isto avalaría a hipótese da súa responsabilidade na edición.
Neses anos tamén profunda no seu labor de tradutor, con Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires: Alborada, 1949), en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández, unha obra coa que gañaran o certame literario convocado no XXV aniversario da FSG e na que Florencio anosou trece autores en lingua francesa (Rimbaud, Mallarmé, Regnier, Valéry, Claudel, Tristan Klingsor ‒pseudónimo de Léon Leclère‒, Lucie Delarue-Mardrus, Cocteau, Drieu la Rochelle, Philippe Chabaneix, o flamengo Maeterlinck, a escritora de orixe romanesa Hélène Vacaresco e o escritor de orixe uruguaia Jules Supervielle). E tres anos despois tamén realiza a primeira versión galega do Cimetière marin, de Valéry, que se publicou no semanario Opinión gallega (Buenos Aires), polo que se pode afirmar que a creación e tradución poética centraron a súa actividade literaria nos longos anos de exilio en México.