A experiencia do Batallón Literario da Costa da Morte na voz da poeta María Lado

MaríaLado
Xa teño afirmado noutras ocasións que é ben digna de loanza a sección «Encontros coa cultura» que se publica no xornal dixital noticieirogalego, pois no que atinxe á literatura xa leva moito máis de medio cento de interesantes e longas entrevistas a autoras e autores de noso. En xuño de 2014, como xa se contou aquí, publicouse a que me realizou a xornalista Úrsula Lorenzo Ruibal, que tamén se pode ler nesta ligazón.
Desde hai tempo é o escritor e profesor estradense Carlos Loureiro quen adoita realizar as entrevistas, como a realizada hai agora un ano ao poeta e libreiro fisterrán Modesto Fraga, conversa que nestoutra ligazón pódese ler ao completo.
Da autoría de Carlos Loureiro é tamén a última, desta volta coa poeta María Lado, que tamén nos acompañou na aventura do Batallón Literario da Costa da Morte nos seus dous anos longos de vida. Nesta ligazós pódese ler ao completo, mais desguida recupero os fragmentos da mesma nos que fai memoria do Batallón Literario da Costa da Morte, unha experiencia de hai vinte anos que partillamos entre os anos 1996 e 1998.
Velaquí ese fragmento das respostas de María Lado:
(…)
Claro que tamén nesa biografía se fai moito fincapé en dous espazos moi importantes: Cee e Santiago de Compostela…
Si, Cee porque eu son de alí e alí vivín ata que fun estudar a Compostela, onde pasei anos de estudante moi importantes para min. Alí ademais escribín tres libros (moi diferentes) Casa atlántica casa cabaret, Berlín e Nove.
Na maior parte de escritoras e escritores aparece algo no seu percorrer vital que lles supón ese pulo cara á arte literaria… Será en María Lado o “Batallón Literario da Costa da Morte” ese pulo?
Claro, eu tiven a sorte de atoparme coas xentes do “Batallón” nun bar que rexentaba en Cee Modesto Fraga, o poeta, e con eles comecei a escribir poemas e, sobre todo, a ir de recital en recital. Era unha época moi activa, na que recitabamos moito (festas, bares, homenaxes literarias…) e foi unha escola moi importante para min.
E aquí achamos a unha moi moi nova María Lado, con dezasete ou dezaoito anos, dando a coñecer os seus poemas ao carón doutros dunha xa consagrada Marilar Aleixandre, dos irmáns Villar… Desde logo que aqueles comezos deberon ser para ti un reto con múltiples caras, non?
Eu recordo como unha época moi fermosa, nunca coma un reto senón como algo moi divertido. Para nós lernos as cousas que escribiamos, facer poemas colectivos ou ir recitar a calquera vila era unha festa, algo que faciamos porque nos divertía moito. E creo que era tanto para min como para os Villar, ou para os Creus, Modesto, Suso Bahamonde… que eran dos máis activos no colectivo.
“A poesía é un lume arrebatado aos deuses, e logo inzado polas mans e os corazóns das xentes, pero nunca concedido por aqueles.” Para comezar non estaba nada mal este concepto de poesía que vós presentastes naquel “manifesto”(?)… unha poesía desligada do divino nas mans humanas…
Nin sequera recordaba esa frase… O que si recordo era que para todos aqueles poetas que estabamos no día a día do “Batallón Literario” a poesía era algo que tiña que estar entre a xente, a pé de rúa, non consagrada nunha columna para adorala catro iluminados. Eu sigo pensando exactamente o mesmo vinte anos despois.
(…)

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Poesía. Garda a ligazón permanente.