A desmemoria sobre a rúa Moncho Reboiras de Corcubión

Created with Nokia Smart Cam
Reboiras3
(Na primeira fotografía, realizada con dispositivo móbil, estado actual da placa da rúa adicada a Moncho Reboiras en Corcubión. Na segunda, arquivo ANT, Rafael Mouzo inaugura a mesma cando era alcalde do concello. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Andaba eu por Corcubión o pasado 12 de agosto, cando se facían 39 anos do asasinato no ano 1975 na ferrolá Rúa da Terra do nacionalista Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia, abatido polos disparos da policía española franquista. De feito, xa en 2009 o Ministerio de Xustiza do Goberno de España recoñeceu que Moncho Reboiras padecera ilexitimamente persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical.
E andaba eu á procura da placa da súa rúa en Corcubión, que foi a primeira localidade galega en lle dedicar unha parte do seu rueiro cando tiña como alcalde ao nacionalista Rafael Mouzo Lago, tal e como xa contei nesta anotación de hai tres anos.
Nun chío da miña conta de twitter sinalaba que non dera localizado a placa e non é de estrañar. Porfiei na súa procura e onte atopeina no estado que testemuña a fotografía desta anotación. Sería ben que a Fundación Moncho Reboiras ou calquera outra entidade nacionalista, mesmo a UPG, o Partido no que militou, fíxesen algo por restaurar a memoria de Moncho Reboiras de cara ao ano vindeiro que conmemoramos o seu 40 cabodano.
E escribo esta nota cando se rememora hoxe outro fito histórico con actos en Compostela e tamén en Teo, o paseo do galeguista Ánxel Casal Gosenge, cuxo corpo aparece baleado nunha gabia, e que era alcalde en 1936 da capital galega, a día de hoxe xestionada por un ilexítimo goberno municipal con moitos concelleiros/as que non foron eleitos/as polo pobo nas urnas e que nada fan para lembrar e perpetuar a súa memoria.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Historia, Memoria Literaria, Política. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a A desmemoria sobre a rúa Moncho Reboiras de Corcubión

  1. Reboiras patriota galego di:

    En setembro do ano pasado Galiza Nova Costa da Morte desenvolviu unha homenaxe nesa rúa como parte das súas Xornadas de Verán, con presenza de Rafa Mouzo e outros membros destacados do BNG.
    Non perdoamos nin esquecemos, a loita continúa!

  2. Modesto di:

    Co teu permiso comparto o enlace na miña páxina de Facebook. Saúde!

  3. Modesto di:

    Fermosa entrada, Miro. “Honrar honra” (José Martí).

Os comentarios están pechados.