A curtametraxe Coitadiños, de Héctor Carré, vetada no OUFF de Ourense


A cultura do noso país non deixa de encherse de sombras. Algúns xornais e o portal porlared dan conta de que a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, CREA, vén de denunciar que Xosé Xoán Cabanas Cao, produtor da curtametraxe Coitadiños de Héctor Carré, vetou a súa proxección, que estaba prevista para hoxe venres 21 de outubro no 16º Festival Internacional de Cine de Ourense. Coitadiños, estreada en 1992 e subvencionada pola Xunta de Galicia, con varios premios coma o do Festival de Cine de Alcalá de Henares, estaba seleccionada para formar parte da “Sesión CGAI” do OUFF 2011, unha homenaxe ao XX aniversario do Centro Galego de Artes da Imaxe, que proxecta obras realizadas por destacados cineastas nosos nos seus inicios. Porén, Xosé Xoán Cabanas Cao, negou o seu permiso para a proxección e desde CREA entenden que “supón un claro abuso dos seus dereitos como produtor, xa que a cesión que o autor fai dos dereitos de exhibición implica a obriga, por parte do produtor, de facer o posible para que a obra sexa difundida, e usar eses dereitos para impedir a exhibición é unha grave perversión da fin última da devandita cesión”. E a organización do festival aceptou ese veto e decidiu non solicitarlle a curta ao CGAI, a pesar de que a obra está no catálogo aberto de películas sobre as que a Xunta de Galicia posúe dereitos de difusión cultural. Como protesta, ningún dos outros directores seleccionados asistirán hoxe á “Sesión CGAI” do OUFF, na que se proxectarán Finisterrae Galicia, de Carlos Velo; Retorno a Tagen Ata, de Eloy Lozano; Mamasunción, de Chano Piñeiro; Viuda Gómez, de Xavier Villaverde; Contar, de Manuel Abad e O Matachín, de Jorge Coira. Por certo, era posible visionar moitas destas curtas no magnífico portal flocos.tv, a quen o novo goberno galego pechou a billa da subvención e tamén desapareceu da rede.
Pola nosa banda combateremos o veto sinalando que nesta ligazón do CGAI é posible visionar a curtametraxe utilizando o programa Quick Time Player que se pode baixar no mesmo sitio. Gozade pois de Coitadiños, de Héctor Carré, sen vetos nin censuras.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Historia. Garda a ligazón permanente.