«A cultura celebra a súa propia resistencia. Enquisa entre as xentes da cultura sobre o máis sobranceiro do último ano», artigo de Iria Ameixeiras e Fátima Fernández


Iria Ameixeiras e Fátima Fernández, dúas xornalistas das últimas fornadas, realizaron para as páxinas galegas do xornal El País unha longa serie de inquéritos recollidos na reportaxe intitulada «A cultura celebra a súa propia resistencia. Enquisa entre as xentes da cultura sobre o máis sobranceiro do último ano». As preguntas trasladadas aos enquisados foron as seguintes:
1) Cal foi na súa opinión o principal acontecemento cultural dos últimos doce meses?
2) Escolla o produto cultural galego que considera máis salientable dende o pasado 17 de maio.
Cando me chamou Iria Ameixeiras non tiven dúbidas á hora de sinalar como feito máis importante a publicación da Prosa do poeta rianxeiro Manuel Antonio (1900-1930), en edición literaria do académico e profesor Xosé Luís Axeitos, quen explica na Introdución Xeral que «forma parte dun proxecto conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié e permitirá, por fin, a publicación da obra completa.
Non quixen citar outros que tamén considero de semellante natureza, mais nos que eu propio tiña certo protagonismo como a andaina da Fundación Gonzalo López Abente ou a publicación de Bretemada (Alvarellos, 2011) o libro inédito do poeta muxián.
Velaquí a miña resposta para El País:
MIRO VILLAR Poeta: “Agora hai unha visión máis completa de Manuel Antonio”
A publicación da obra inédita Manuel Antonio representa para Miro Villar (Cee, 1965) o principal acontemento e o produto cultural máis imporante que agromou na cultura galega neste último ano. O poeta das crebas, que vén de recibir o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega polo seu blog literario, bosquexa as posibilidades que presenta esta nova obra de Manuel Antonio. “Esta é máis importante que ningunha outra, xa que agora hai unha visión moito máis completa que obriga a facer unha lectura máis profunda do autor”. Máis alá da súa poesía. A descuberta faise eco das súas composicións en prosa, pero tamén das traducións poéticas de Manuel Antonio, que Miro Villar asocia máis a un posible tomo futuro dedicado ao xénero. Foi tamén un rianxeiro, Xosé Luís Axeitos, quen editou esta publicación. A iniciativa ten vocación de limiar, xa que o libro está enmarcado nunha próxima colección chamada Clásicos da Academia. Este Manuel Antonio. Obra Completa. V.I Prosa é toda unha serie de textos que revelan as amplas dimensións do legado do poeta.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.