A creación do Arquivo do Nacionalismo Galego, un fito histórico

ArquivoNG
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
As persoas que nos mergullamos algunha vez nas hemerotecas para realizar un labor de investigación histórica ou literaria (coma no meu caso) temos que parabenizar as entidades que onte decidiron unir os seus esforzos para artellar a creación do Arquivo do Nacionalismo Galego, un fito histórico que vai permitir desde xa e no futuro a consulta on-line dos fondos dixitalizados de cada unha delas. Na súa declaración de intencións sinálase:
«O Arquivo do Nacionalismo Galego é unha iniciativa que nace a partir do esforzo de diversas entidades, que custodían por separado miles de documentos que refiren a Historia do Nacionalismo Galego ao longo do século XX e parte do XIX.
Unha iniciativa que nace no inicio do ano 2015 non por casualidade. Faino a doce meses do primeiro centenario do nacemento da ‘Irmandade dos Amigos da Fala da Cruña’, primeira das Irmandades da Fala que se organizarían por toda Galiza a partir daquela, baixo a iniciativa de figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Lois Porteiro Garea, Florencio Vaamonde Lores ou Uxío Carré Aldao; recollendo o testemuño dado polos ‘Precursores’ e os protagonistas do ‘Rexurdimento’ no s. XIX, caso de Antolín Faraldo, Francisco Añón,  Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro ou Manuel Curros Enríquez, entre outros.
O obxectivo central do Arquivo do Nacionalismo Galego é pór en valor os devanditos fondos, posibilitando o acceso aos mesmos dun xeito doado e dándolle a estes una cobertura compartida da man das entidades que os posúen e conservan, consorciándose desta volta para facer realidade este portal web. A través deste, pódense localizar os fondos existentes (catalogados ou en vías de catalogación) relativos a persoeiros e organizacións diversas do nacionalismo galego, así como publicacións que este editou ao longo do tempo.
O Arquivo do Nacionalismo Galego nace, na práctica, como ferramenta ao servizo do mundo da investigación especializada, mais tamén do público en xeral interesado pola pretérito do país. Dando unha panorámica global dos fondos xerados polo axir do nacionalismo galego ao longo da súa historia».
Polo de agora, a mostraxe de documentos é pequena mais a día de hoxe xa dispoñibilizan na rede a reprodución dixital de importantes materiais na sección Documentos on-line, como o manuscrito de Nós, os inadaptados fornecido pola Fundación Vicente Risco, ou na galería de imaxes o carné de membro do Seminario de Estudos Galegos de Alexandre Bóveda.
E aínda que se observan significativas ausencias, moitos parabéns para as dez entidades que asinan este acordo: Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Vicente Risco, ademais de Murguía. Revista Galega de Historia e do Museo do Pobo Galego.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
AlexandreBóvedaSEG

Esta entrada foi publicada en Biografía, Documental, Ensaio, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Manifestos, Manuscritos, Memoria Literaria, Política. Garda a ligazón permanente.