
O escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello publicou hoxe un magnífico texto intitulado “A Costa da Morte Universal” no xornal La Voz de Galicia, no que sobrancean as referencias poéticas ao territorio.
Parabéns e obrigado, camarada da República das Letras!
A Costa da Morte universal
Miguel Anxo Fernán Vello
En galego, sen dúbida, é Eduardo Pondal o primeiro en empregar a designación «Costa da Morte»
13 xullo 2026
O topónimo utilizado nun principio para se referir á forma actual «Costa da Morte» era «Costa Brava». E así o fai o gran poeta muxián Gonzalo López Abente cando no seu libro Alento da raza (1917) titula un poema, precisamente, «Costa Brava», no que podemos ler versos como «o cabo altivo que no abismo se perde» ou os inquietantes «abandonado no regazo da sorte,/navega un barco loitando contra a morte».
Tamén o documentalista palentino Luis R. Alonso é autor dunha obra fílmica titulada Un viaje por Galicia (1929), e nesta creación cinematográfica utiliza a forma «Costa Brava», da mesma maneira que o facía o poeta laxense Antón Zapata, quen, en palabras de Miro Villar, prefería a denominación Costa Brava, «como outros autores desa época». E até o poeta chairego Manuel María nun artigo dedicado a López Abente no ano 1963, reivindica —sabémolo tamén por Miro Villar— a pertenza de Muxía á «costa brava galega».
A primeira vez que aparece escrito entre nós o sintagma toponímico «Costa de la Muerte» é no xornal coruñés El Noroeste (1904). Mais, posteriormente, tamén a viaxeira inglesa Annette Meakin, autora dun libro titulado Galicia, a Suíza de España (1909) utiliza por primeira vez en lingua inglesa a forma «Coast of Death».
En galego, sen dúbida, é Eduardo Pondal o primeiro en empregar a designación «Costa da Morte» nun poema precisamente así titulado, «A Costa da Morte», no que podemos ler versos definitorios como «a costa do pranto, a costa da morte», aínda que tamén se refire a este litoral, cal «negra serpente» ou «caimán enorme», como «a costa de ferro, a costa de bronce».
O certo é que —prensa inglesa, española e galega por medio— a marca «Costa da Morte» —a suma de naufraxios nela acontecidos é superior a todos os habidos no litoral español— acabou por ser a máis utilizada e por se converter en universal. É dicir, por se transformar nunha referencia toponímica e simbólica absoluta, en calquera lingua e cultura.
Rosalía de Castro, referíndose por unha banda a Fisterra, mais tendo en conta as paisaxes da Costa da Morte —a poeta viviu en Muxía e publica a novela ‘muxiá’ La hija del mar (1859) con 22 anos de idade—, recorre ao poeta inglés Byron para expresar que a súa mestría poética «haría ver al mundo que hay en este olvidado rincón de Europa paisajes dignos de ser descritos». E tamén identifica a nosa poeta un mar que, na Costa da Morte, se divisa «más irritado y soberbio», con ondas que rebentan bramadoras contra as rochas, formando enxurradas de escuma que choutan en altura inmensa, caendo despois como unha choiva de pérolas.
Poder de atracción
A Costa da Morte, en definitiva —«país de néboas» (Rosalía) e terra de «paisaxes grandiosas, sobrias e pedregosas» (Manuel María)—, posúe un engado telúrico, un poder de atracción radical, que só se explica téndomos en conta a existencia de lazos vitais entre a terra, o mar e a experiencia perceptiva que reside no humano. Coa Costa da Morte xa existe unha relación de carácter ancestral, pois tamén representa esta un ámbito mítico e fenoménico —velaí as peregrinacións a Fisterra aínda máis antigas que as realizadas a Santiago, e o Ara Solis situado no Promontorium Nerium—, e eu chego a vela, na súa bravura e no seu esplendor, como unha «Nai Terra» fundida coa «Nai Mar», un sistema interdependente —rede vital e espacial— e sagrado, no sentido que lle dá a esta última expresión o sociólogo Émile Durkheim: certos intereses dirixidos a unha conciencia colectiva á que non é allea certa visión de unidade sentimental.
O Finis Terrae, que é a culminación xeográfica da Costa da Morte —«respiramos mar e salitre de norte a sur» (Modesto Fraga)—, foi descrito en esclarecidos versos polo fisterrán Traba Lorenzo no seu poema «Salve Fisterra», no que conclúe que a súa paisaxe é unha «terra do mar máis que da mesma terra». E Rosalía, mestra do ver e do sentir, experimentou ela mesma nestas paraxes que a mirada pode abranguer até unha inmensidade sen límites, severa e uniforme, onde o ceo e o mar se confunden no lonxincuo horizonte formando un só corpo e nunha soa liña; e o pensamento —engade— sempre vai máis alá, xirando nun mundo que descoñece mais que adiviña.
Matria da poesía
A Costa da Morte, a «gran terra vixía» (Rafael Lema), é tamén matria de alta poesía, e velaí a escolma titulada De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte, coordinada por Modesto Fraga e Miro Villar. Poesía, arcano, fascinio, mar longo, terra bravía, fonte de brétemas, épica dos naufraxios, férridos mariñeiros, ceos de luz abismal, a «costa verdecente», o misterio fermoso e universal da beleza.