A Costa da Morte unha potencia en literatura infantil


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Ubaldo Cerqueiro, do dixital quepasanacosta, faise eco dunha anotación desta bitácora para o seu espallamento por toda a Costa da Morte. O noso caro amigo realizou unha montaxe coa imaxe orixinal do catálogo, á que incorporou os rostros dos sete autores e autoras deste noso territorio, alén de sinalar que a nosa presenza converte á Costa da Morte nunha potencia en literatura infantil. Velaquí a redacción da nova que se pode ler no propio dixital:
«Continúan os escritores da Costa da Morte deixándose ver polo mundo adiante. Hoxe coñecemos a través do portal culturagalega.org o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2012, editado pola Consellaría de Cultura e mais GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Un catálogo que pretende ser un escaparate mundial das publicacións infantís e xuvenís en galego. Entre os artistas que recolle o catálogo, temos varios veciños.
Ata 7 escritores da Costa da Morte atopamos entre máis dun cento de libros, o que verdadeiramente dá conta de que a Costa da Morte é toda unha potencia en literatura infantil.
Como Miro Villar, quen nos conta a través das súas Crebas, que entre as 118 obras, varias teñen sotaque costimorteño. Como o seu libro A Cobiza do Verme.
Tamén atopamos á ceense María Canosa, con ata 3 obras no catálogo, como son O Crebanoces, A Tartaruga do Martiño e O Papaventos de Paula.
Ao tempo vemos aos ceenses Estevo Creus con Balea 2 e Concha Blanco con Luces, cores e bicos. Ou ao corcubionés Miguel Vázquez Freire co seu Souto escuro e perigoso.
E tamén atopamos o libro do mazaricán Silvestre Gómez Xurxo, Ti non xogas?, ademais do coruñés e muxián de adopción, X.H. Rivadulla Corcón, O noso amor será eterno».


Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.