A Costa da Morte (ou Costa Brava) no documentario Un viaje por Galicia (1929)


O imprescindible blogue Trafegando ronseis (do que tanto aprendemos) da profesora Gracia Santorum adoita ser tamén un inesgotable manancial de ideas e de documentos. Nunha anotación ben recente reproduce o documentario Un viaje por Galicia (1929), atopado no sitio Somos paisaxe, con este preámbulo:
«Realizado co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, pretende dar a coñecer as paisaxes e monumentos de Galicia nun percorrido polas catro provincias. É a única longametraxe documental da Galicia da preguerra. Amosa arquitecturas desaparecidas, mutacións na morfoloxía urbana, contrastes entre o medio rural e a burguesía. Película restaurada polo CGAI en 1991. DVD dispoñible no CGAI».
Ficha artística
Cámara: Luis R. Alonso
Dirección: Luis R. Alonso
Ficha técnica
Tipo: Documental
Duración: 105′
Ano: 1929
Fontes
Video en Youtube
Información en Cultura Galega
O documentario percorre cidades e vilas das catro provincias administrativas galegas e nese itinerario visual son moitos os lugares da Costa da Morte recollidos pola cámara (aínda que tamén hai ausencias dignas de mención). Deseguida sinalo todos eses lugares traducindo para a nosa lingua, xa que están en castelán e cos topónimos deturpados, os títulos que preceden ás imaxes, así como a anotación aproximada da minutaxe no que se poden visionar. Velaquí:
40:24. Castelo de Vimianzo
40:29. Ponte de Porto. Un curruncho do río
40:35. Camariñas. Unha casa brasonada
40:53. Cabo Vilán. O faro e os cantís da costa
(Aquí os planos son máis longos e o camerógrafo semella seducido polo mar bravo)
41:52. Torres señoriais e igrexa da Pobra de Cereixo
42:02. Fisterra. O cabo
(Tamén inclúe planos da vila, que continúan a seguir)
42:26. As vellas casas e as rúas tranquilas
42:34. A Costa Brava. Corcubión
42:44. Cee
(O porto nunha imaxe insólita que nos descobre unha vila mariñeira)
42:59. O río Ézaro e o salto do Pindo.
A continuación o documentalista abandona a Costa da Morte (que denomina Costa Brava, como o poeta Gonzalo López Abente fixo en toda a súa obra) e vaise cara ao Tambre, con magníficas estampas de dornas no seu esteiro en Pontenafonso e chega a Noia (esquece Muros) para continuar cara á Barbanza.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Documental, Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.