A Costa da Morte na obra Semente galega en América de Xosé Neira Vilas

Semente01
Semente02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Unha versión deste texto publicouse na edición dixital e tamén en papel no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, o 11 de xullo de 2015, con este título: A Costa da Morte na obra «Semente galega en América» de Xosé Neira Vilas. (Premer na cabeceira para acceder á versión dixital)
Onte á tardiña estivemos no lanzamento da última obra de Xosé Neira Vilas, intitulada Semente galega en América (Santiago de Compostela: Bolanda Ediciones, 2015), que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, e cuxa presentación literaria realizaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, alén do director de Edicións Bolanda, Antonio Couto, quen coincidiron á hora de salientar a pulsión memorialística que percorre o volume. Unha completa crónica do acto pódese ler no dixital Noticiero Galego e pódese escoitar ao autor nesta reportaxe da CRTVG.
Moito nos alegrou que Xosé Neira Vilas estivo coma sempre, animado e falangueiro, malia a evidente deteriorización física dunha doenza que o tivo varias semanas ingresado nun hospital compostelán. E incluso fixo chanzas sinalando as moitas obras que aínda lle quedan por escribir. Nesta recollen as semblanzas dun cento de persoas de estirpe galega que deixaron a súa pegada, a súa semente (como di no título) en terras de América, nomeadamente en Arxentina, en Cuba e no Golfo de México, mais tamén no Brasil, Chile, Estados Unidos, Guatemala, Nicaragua, Perú, Perú, Porto Rico, Uruguai ou Venezuela. Unha galería de cen personaxes, algúns colectivos, aínda que se nomean moitos máis, entre os que hai artistas (pintores, músicos, fotógrafos…), científicos (naturalistas, cartógrafos….), escritores (dramaturgos, narradores, poetas, xornalistas…) mestres, precursores e inventores, sindicalistas…, que teñen en común a súa orixe galega, case sempre rural. Non chegan a unha ducia as semblanzas de mulleres, o que testemuña as súas dificultades na promoción social, tamén en terras americanas, e o feito de constituíren unha porcentaxe migratoria moito menor.
A Costa da Morte, malia ser territorio de forte emigración, só está representada por tres persoeiros ou catro de engadirmos un bergantiñán, aínda que noutras semblanzas son citados outros como o avogado corcubionés Xosé Porrúa Valdivieso, que fundou co compostelán Domingo Campío Devesa Naveiro o semanario El avisador galaico, que tivo nove meses de vida en Cuba.
«A andaina de Cristóbal Colón e As tartarugas do Orinoco» narra a historia do Xosé María Mosqueira Manso (Corme 1886 – Caracas, 1968), un exiliado da Guerra Civil, oceanólogo e ictiólogo, que escribiu senllos libros sobre os temas que se enuncian no epígrafe da semblanza.
«Aquel célebre gaucho da escena arxentina era galego» presenta a Enrique Muíño (A Laracha, 1881 – Buenos Aires, 1956) como gran e recoñecido actor de cine e de teatro na cidade porteña.
«O fisterrán que fabricou en Guatemala o xogo que inventara» sintetiza a biografía de Alexandre Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que ncaeu na estación Marconi de Fisterra, onde seu pai era telegrafista. Alén de salientar a súa proxección como inventor do futbolín, tamén se retrata o seu compromiso republicano e o seu inesgotable labor intelectual como escritor e como editor en México, así como o feito de presidir a Fundación León Felipe e de ser albacea dos bens do poeta.
E, finalmente, a derradeira semblanza do volume, «Un médico de Muxía, poeta nacional do Paraguai» que se centra na biobibliografía de Victorino Abente Lago (Muxía, 1846 – Asunción, 1935), na súa breve obra poética en galego e na súa monumental obra en castelán que lle outorgou un lugar de honra na historia da literatura paraguaia.
(Pódese ler premendo na imaxe superior)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Biografía, Cinema, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións, Teatro, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A Costa da Morte na obra Semente galega en América de Xosé Neira Vilas

  1. Pingback: Neira Vilas recolle a semente que deixaron 5 costeiros en America

Os comentarios están pechados.