A Coruña en Verso: De ti e das cidades (II)

Foto-Chano-Amado
(Fotografía de Chano Amado. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O amigo Francisco «Chisco» Fernández Naval faime chegar a anotación da revista cultural dixital Vivir na Coruña que esta semana incorpora na sección «A cidade en verso» un soneto da miña autoría que escribín por volta de 1990 e que se publicou no meu primeiro poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992). Nese texto, o monólogo da voz poética enmárcase no espazo dos xardíns e dos vidros da fachada atlántica coruñesa.
Agradezo aos xestores da páxina, Lucía e Daniel (fillo do «Chisco») a reprodución do soneto e as garimosas palabras que lle serven de presentación, malia diciren que os rostros dos Gameleiros son da Costa da Morte, cando en realidade veñen sendo da costa, tamén brava, do sur da Nación: A Guarda.
A anotación pódese ler aquí e velaí vai tamén.
A Coruña en Verso: De ti e das cidades (Miro Villar)
23 Marzo, 2015 Vivir na Coruña Coruña en verso
Comezamos cada semana cunha cita coa poesía sobre A Coruña. Hoxe os versos son dun membro do Batallón Literario da Costa da Morte, Miro Villar.
Miro Villar (Cee, 1965), poeta, autor de literatura infantil e libros de ensaio, a el debemos edicións que recuperan a obra dos escritores Antón Zapata García ou Gonzalo López Abente. Doutor de Literatura Comparada, profesor de lingua e literatura galega, foi membro doBatallón Literario da Costa da Morte. Recibiu numerosos premios, entre eles o Tívoli-Europa no ano 1999, polo libro Equinoccio da primavera. Os seus últimos  poemarios foron Gameleiros, libro que amosa os rostros do mar da Costa da Morte con fotografías de Manuel Álvarez, ou As crebas, que dá título ao seu blog.
O poema que publicamos hoxe pertence ao seu primeiro libro Ausencias Pretéritas, segundo da última parte titulada De ti e das cidades.
De ti e das cidades
2
COS zapatos lustrosos amencín na Coruña,
e os ollos confundidos polas luces da albada
coidaron que te viran nos xardíns recostada
nunha varanda, soño parvo como eu supuña.
O recordo entrou louco no corazón, con cuña
que un culto nigromante chama gume de espada,
do sangue desprendido naquela rabuñada
teño tres enfermeiras que están de testemuña.
Pero o meu pensamento non ficou retorcido
nin ando pola vida no papel de tartufo
facendo finximento da paixón amorosa,
nin sequera contigo fun de talante rufo,
de veras que arestora síntome compunxido,
que o cristal da cidade difunda a xolda nosa.
Libro: Ausencias Pretéritas
Autor: Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.