A colección de poesía Letras de Cal


(Fotografía do arquivo da páxina culturagalega.org)
Entre o magnífico labor do equipo de poesiagalega.org figura o de poñer a disposición pública os catorce volumes poéticos que Letras de Cal publicou entre os anos 1997 e 2001, incluídas as dúas antoloxías que apareceron na serie, unha de poesía galega e outra de poesía vasca traducida. Na escolma de poesía galega que se pode (re)ler agora de novo na súa edición dixitalizada, baixo o título dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (A.C. Amaía, 1999), que coordinara no seu día o Consello Editorial de Letras de Cal, están representados/as con media ducia de páxinas as e os poetas Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Emma Couceiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Celso Fernández Sanmartín, Lupe Gómez, María Lado, Igor Lugris, Olga Novo, Manuel Outeiriño, Chus Pato, Isolda Santiago, Séchu Sende, Francisco Souto, Rafa Villar e eu propio. Da miña obra (nas páxinas 122 a 127) os antólogos escolleron os poemas “Habitas agochada nun cristal embazado…” (de Ausencias pretéritas, 1992); “Como o que consome alenta…” e “Horizontal, sí, te quiero…” (de 42 décimas de febre, 1994); “aproveito as palabras por ti desperdiciadas…” e “ando coa voz descalza nos días areeiros…” (de Abecedario da desolación, 1997) e “Alegría” (de Equinoccio de primavera, 1998), do que nesa altura era o meu último libro de poemas e que reproduzo:
Alegría
Qué alegría, vivir, sintiéndose vivido.
(Pedro Salinas)
Que alegría, saberte comigo debruzada,
nunha mañá de nubes dun outono calquera
ou no sol temesiño desoutra primavera,
para acollermos xuntos a luz abrancazada.
Que alegría, mirarte nun sorriso abrazada
no tempo impredicible de invernía e de espera
ou na inoportunidade da calor máis severa
para albiscar entrambos o brinde da luzada.
Que alegría, notar o rebento que nace
dentro, como se fose medrándome no oído
unha música morna que non dá interrompido.
Que alegría, dicir ben alto que me aprace
ser amado e amarte co corazón espido.
Que alegría, vivir sentíndose vivido.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.