A censura do crocodilo Lacoste contra unha artista da Palestina


A marca francesa Lacoste vén de retirar o seu patrocinio ao premio anual entregado polo Museo Elysée de Lausana (Suíza). A empresa foi denunciada polo feito de exercer presións para censurar a obra da artista palestiniana Larissa Sansour.
A artista foi seleccionada entre os oito finalistas, porén a principios de decembro o seu nome desapareceu da listaxe e cando a revista Art Review publicou os traballos a súa composición fotográfica intitulada “Estado Nación” xa non apareceu. A dirección do museo suízo informouna que Lacoste consideraba o seu traballo “demasiado pro palestino” e que demandara a súa retirada.
Larissa Sansour nun comunicado sinalou que “como nominada, recibiu unha bolsa de 4000 euros e carta branca para producir unha escolla de imaxes para a valoración final. En novembro de 2011, tres fotos do proxecto Estado Nación foron aceptadas”. Nesa altura “o seu nome foi incluído no premio e engadido na web como nominada oficial. Agora o seu nome foi retirado e o seu proxecto non se publicará na revista Art Review, na que si aparecen todos os demais nominados”.
A empresa Lacoste negou causas políticas na exclusión da obra e asegurou que Sansour non se axustaba ao tema do concurso, “A alegría de vivir”. Porén, o caso é que se a artista palestina non se axustou ao tema, cómo foi que resultou aceptada e elexida para estar entre as 8 obras finalistas?
Lacoste anunciou a retirada definitiva do seu patrocinio ao premio e o museo Elysée declarou anulado o evento debido á “vontade do socio privado de excluír a Larissa Sansour”. O director do museo, Sam Stourdzé, admitiu no comunicado oficial que as regras do premio foron violadas por unha das partes, en alusión á marca Lacoste.
Un motivo máis para non vestirmos cocrodilos na nosa roupa, non é? Moito mellor agasallarmos literatura nestes días.

Esta entrada foi publicada en Arte, Manifestos, Política, Premios. Garda a ligazón permanente.